O Alcalde festexa o San Cristobal con condutores procedentes de distintos puntos de Galicia que se achegaron a Monforte con 22 camións

Monforte de Lemos, 6 de xullo de 2024. O Alcalde de Monforte, José Tomé Roca, celebrou o día de San Cristobal, patrón dos condutores, dando a benvida a Monforte a un colectivo de camioneiros, que achegou 22 camións ata a cidade do Cabe.

Esta é unha iniciativa que naceu hai 3 anos da man de varios camioneiros da zona, e este ano trouxo a Monforte 22 camións procedentes de Monforte, doutros puntos da comarca de Lemos, así como de Lugo, A Coruña e Ponteareas.

Tras percorrer as principais rúas da cidade, os camioneiros e os seus vehículos concentráronse no aparcamento do Cemiterio municipal, onde foron recibidos polo Alcalde, que estivo acompañado pola Tenente de Alcalde, Gloria Prada, e o Concelleiro de Servizos, José Luis Losada.

O encontro continuou cunha comida na que se xuntaron arredor de 130 comensais, procedentes da zona e de distintos puntos de Galicia.

O Alcalde puxo en valor este encontro, “que ano a ano aumenta en número de participantes, que se achegan a descubrir Monforte e a Ribeira Sacra, co impacto que ademais xeran na nosa hostalería e no noso turismo”.