O Alcalde inaugura a 14ª edición da Bienal de Pintura do Eixo Atlántico en Monforte

Monforte de Lemos, 15 de outubro de 2024. O Alcalde de Monforte, José Tomé Roca, inaugurou, na tarde de onte luns 14 de outubro, a 14ª edición da Bienal de Pintura do Eixo Atlántico 2023-24, que permanecerá exposta na Casa da Cultura Poeta Lois Pereiro de Monforte ata o vindeiro 30 de outubro de 2024.

No acto inaugural estivo acompañado pola 1ª Tenente de Alcalde, Gloria Prada, pola Concelleira de Cultura, Marina Doutón, polo Concelleiro de Obras, Medio Rural e Servizos, José Luis Losada e polo técnico de Cultura, Carlos Rodríguez.

A 14ª edición da Bienal de Pintura do Eixo Atlántico 2023-24 iniciou a súa itinerancia en Lugo, cidade na que tivo lugar a inauguración e entrega de premios o 23 de novembro de 2023. Despois de Lugo, a exposición pasou por Braga, Bragança, Maia, Ribeira, Felgueiras, Vila Real, Vila Nova de Gaia, Barcelos e remata agora en Monforte de Lemos, que acolle a Bienal ata finais de outubro.

As obras gañadoras desta edición foron: “Corpo da Paisagem” de Ricardo Campos, que recibiu o primeiro premio dotado con 4.000 euros; “Dactilografia de um Sonho” de Margarida Gomes, cun segundo premio dotado con 2.000 euros; e “Nem uma passa?" de Gonçalo Ribeiro, galardoado co premio Novos Talentos, dotado con 1.500 euros.

En total, a exposición está composta por 25 obras inéditas, contando cunha gran variedade de estéticas e técnicas, de artistas galegos e portugueses. A selección, de entre as 104 presentadas a concurso, correu a cargo do xurado que nesta edición estivo formado por: Helena Mendes Pereira, que o presidiu; Sara Pérez Bello, designada pola Xunta de Galicia; João Ribeiro da Silva, designado pola ex Direção Regional de Cultura do Norte; Patrícia Oliveira, designada polo Instituto Português do Desporto e da Juventude; e Tito Senna, gañador da XIII Bienal.

Paralelamente ás exposicións en espazos físicos, a Bienal de Pintura volve a contar coa súa galería virtual, para chegar ao público que non poida visitar a mostra de forma presencial: https://galeriavirtual.eixoatlantico.com/