O Alcalde inaugura o Campus Internacional Ucraíno de Verán de Ximnasia Rítmica que se celebra no Pavillón da Pinguela ata o 28 de xuño

Monforte de Lemos, 24 de xuño de 2024. O Alcalde de Monforte, José Tomé Roca, inaugurou na mañá de hoxe o Campus Internacional Ucraíno de Verán de Ximnasia Rítmica que se celebra en Monforte dende hoxe luns 24 e ata o venres 28 de xuño no Pavillón polideportivo municipal de A Pinguela.

No acto, estivo acompañado pola Tenente de Alcalde, Gloria Prada, e pola directora deportiva do Club Quicela, Jessica Quiroga, club que organiza o Campus coa colaboración do Concello de Monforte, que achega unha axuda de 3.000€ para o Campus.

O rexedor monfortino conversou sobre as particularidades deste Campus coas 3 adestradoras internacionais que imparten este Campus, Hanna Rizadtinova, que é medallista olímpica e creadora da Rizadtinova Academy, segunda escola de ximnasia rítmica máis importante de Ucraína;           Valeriya Yuzviak,  Campioa de Europa e adestradora da Rizadtinova Academy; e Magda Cumes, mellor preparadora física especializada en ximnasia rítmica de España.

O venres 28 a partir das 18:30 h., como colofón do Campus, celebrarase unha gala-exhibición de todas as participantes no Polideportivo Municipal da Pinguela sendo para todos os asistentes a entrada gratuíta.

Campus Internacional Ucraíno de Verán de Ximnasia Rítmica

O programa de contidos do Campus conta con sesións de aprendizaxe, masterclass internacional e exhibición final das participantes.

O Campus está dirixido a nenos e nenas en idade escolar, a partir de 7 anos. As participantes están divididas en grupos seguindo un criterio de nivel individual e idade para realizar os grupos o máis homoxéneos e equilibrados posible. O número de ximnastas é de 25 máximo en cada grupo.

Agárdase a presenza de ximnastas estranxeiras, chegadas de países como Bulgaria, Ucraína, Portugal, México ou Italia.

Para participar no Campus ofertáronse 50 prazas, as cales foron cubertas, inscribíndose nenas de 7 a 16 anos. Ademais de ximnastas monfortinas, tamén participan doutros puntos de Galicia e España, como Valencia, Tarragona ou Madrid.