Monforte de Lemos, 9 de novembro de 2024. O Alcalde de Monforte, José Tomé Roca, inaugurou na mañá de hoxe o tradicional Mercado de Outono que acolle a Praza de Abastos de Monforte ó longo de todo este sábado 9 de novembro.
O Alcalde percorreu os 15 stands que conforman o Mercado, acompañado pola Tenente de Alcalde, Gloria Prada, e os concelleiros e concelleiras de Cultura, Marina Doutón, Obras e Servizos, José Luis Losada, Consumo, Regina López, Deportes, José Manuel Mougán, así como a técnica de Emprego e Desenvolvemento Local do Concello, Trinidad López.
O Alcalde destaca que “con esta actividade contribuímos a poñer en valor os produtos típicos do outono. Por outra parte, potenciamos o comercio local e de proximidade, axudando a dinamizar e crear atractivos comerciais. E tamén dinamizamos os espazos comerciais da nosa Praza de Abastos”.
Como en pasadas edicións, o Mercado combina a comercialización de produtos de tempada de outono cunha completa xornada de ocio e diversión, con actividades ó longo de toda a xornada.
Así, no espazo dos Mercados da Praza de Abastos, é posible adquirir ó longo de todo o día produtos de tempada, produtos gastronómicos de outono en 15 postos de venta de castañas, cogumelos, noces ou mel así como os produtos elaborados cós mesmos: doces, marmelos ou licores ademais de embutidos e queixos galegos, xabóns, cosmética natural e artigos únicos como lámpadas de cabazas.
Este mercado de produtos naturais e típicos de outono abre as súas portas este sábado 9 de novembro de 10:00 a 14:00 horas, e tamén pola tarde, de 17:00 a 22:00 horas.
Actividades para toda a familia
Dentro do Mercado de Outono o Concello programou as seguintes actividades, dirixidas tanto a nenos e nenas coma a público adulto:
Sábado 9 de novembro
10:00 h.- Apertura do Mercado.
11:00 h.- Inauguración Oficial.
12:00 a 13:30 h.- Obradoiro de decoración de cabazas e estampados do outono para nenos e nenas. Para este obradoiro será necesario que os participantes traían a súa cabaza baleira.
17:00 a 18:30 h.- Pintacaras tenebroso.
18:00 a 19:00 h.- Contacontos de medo que dan risa, coa narradora Ángeles Goás titulado “Caldo con unto e ósos de defunto”.
19:00 a 20:30 h.- Showcooking Otoñal. Límite de prazas: 90, sen límite de idade, e poderán participar nenos e nenas, acompañados dun adulto. Poderanse degustar 3 tipos de tapas elaborados con setas, castañas e outros produtos de outono. Aproximadamente, elaboraranse 30 racións de cada unha. Para poder participar nesta actividade será necesario inscribirse previamente, a partir das 18:00 h., nas propias instalacións do Mercado.
20:30 a 22:00 h.- Degustacións de produtos de outono e viños da Ribeira Sacra acompañados de música en directo, co Concerto acústico do grupo monfortino Segunda Parte.
Sinopse do Contacontos Caldo con unto e ósos de defunto de Ángeles Goás
Caldo con unto e ósos de defunto é unha sesión de contos para vivos que se acordan dos mortos. Contos que queren ser de medo pero que tamén dan risa.
Está indicada para valentes e non tan valentes porque entre os sustos e os arrepíos tamén haberá algunha que outra gargallada (veña de onde veña).