O Alcalde inaugura a nova iluminación dos aparcamentos do complexo deportivo de A Pinguela

Monforte de Lemos, 10 de decembro de 2024. O Alcalde de Monforte, José Tomé Roca, inaugurou na tarde de onte, acompañado pola Tenente de Alcalde, Gloria Prada, e o Concelleiro de Obras e Servizos, José Luis Losada, a nova iluminación da zona de aparcamentos do complexo deportivo de A Pinguela, “na que non había iluminación, concretamente entre o Pavillón polideportivo e o Campo de Fútbol, nin entre Pavillón e as pistas de tenis, nin nos aparcamentos que dan á estrada de Sober”.

Trátase do proxecto de iluminación da zona de aparcamentos, tanto a que da á estrada de Sober como os aparcamentos situados nos exteriores do Campo de fútbol, da piscina e do polideportivo. Para elo, o  Executivo de José Tomé destinou máis de 18.000 € (18.053,20€).

“con este proxecto de iluminación dos estacionamentos desta zona, e unha vez xa rematada a mellora dos aparcamentos e reordenación do tráfico da mesma, en canto finalice a mellora integral da piscina e o arranxo das pistas de tenis, esta zona da cidade completará a súa transformación, posto que xa levamos a cabo a mellora das súas rúas, o novo parque Covas-Pinguela, o novo Pavillón polideportivo municipal, ou as melloras do Campo de Fútbol”, salientou o rexedor monfortino.

 

Mellora da iluminación dos aparcamentos da Pinguela

As actuacións consistiron na instalación de 7 columnas galvanizadas de 8 metros con cimentación, de 3 columnas galvanizadas con dobre brazo sen cimentación, facendo un total de 10 novas farolas, e 12 novas luminarias Essence de 70w.

O proxecto incluíu tamén toda a canalización do cableado sobre terra e asfalto, empregado cable modelo Rv 2x6 e 1x16 T/T. 

Con esta actuación completarase a transformación deste espazo da cidade, xa que se une ós proxectos xa anunciados polo Alcalde de mellora de todo o espazo destinado para estacionamento deste complexo deportivo da Pinguela, e o arranxo integral da Piscina municipal, así como as pistas de tenis.