O Alcalde informa que antes do 14 de febreiro cesarán todas as emisións de televisión en formato SD e comezarán as emisións en Alta Definición (HD)

Monforte de Lemos, 30 de xaneiro de 2024. O Alcalde de Monforte, José Tomé Roca, informa ós veciños e veciñas de Monforte que antes do 14 de febreiro de 2024 cesarán todas as emisión de televisión en formato SD (calidade estándar) para facilitar o ancho de banda e comezar coas emisións en formato HD (Alta Definición) en toda España, o que significa unha maior calidade de imaxe e son.

Esta información, que foi remitida ó Concello de Monforte polo Goberno de España a través da Subdelegación do Goberno de Lugo, aclara que se  verán afectadas as vivendas que non dispoñan dunha televisión ou decodificador externo compatible e aquelas que reciban o sinal vía satélite e tampouco dispoñan dun receptor compatible.

 

O salto á Alta Definición

A transición obrigatoria á alta definición da Televisión Dixital Terrestre en España estaba inicialmente programada para o 1 de xaneiro de 2023, pero finalmente pospúxose ata o 14 de febreiro de 2024, debido á situación excepcional da Covid-19. Nesa data, será obrigatorio que as canles de televisión emitan en calidade HD. As canles en SD desaparecerán por completo, co obxectivo de aforrar ancho de banda, algo crucial para a transmisión de contido en 4K e directamente relacionado coa expansión das redes 5G no país.

O Real Decreto 391/2019 do 21 de xuño inclúe todas as claves para o despregamento da alta definición a través da televisión dixital terrestre española. Esta norma establece que cada múltiplex dixital, calquera sexa o seu ámbito de cobertura, debe evolucionar as súas emisións á alta definición antes do 14 de febreiro de 2024.

Polo que todas as canles de televisión, calquera que sexa o seu ámbito de cobertura, deberán evolucionar as súas emisións a alta definición antes do 14 de febreiro de 2024.

Os titulares de licenzas do servizo de comunicación audiovisual televisiva dixital terrestre, calquera que sexa o seu ámbito de cobertura, que estean a emitir canles de televisión en definición estándar poderán continuar emitindo con esta resolución ata o 14 de febreiro de 2024. En calquera momento antes desta data, devanditos titulares poderán evolucionar a emisión destas canles a alta definición previa notificación á autoridade administrativa que outorgou o título habilitante para a prestación do servizo e consecuente cesamento da emisión en definición estándar.

 

Como ver a TDT en HD?

Para ver a TDT en HD, os elementos esenciais para adaptarse a esta fase tecnolóxica son:

  • Televisor compatible con HD: O primeiro paso é verificar se o televisor é compatible coa alta definición. Os televisores máis recentes adoitan ter a capacidade de recibir e mostrar sinais en HD. Con todo os televisores máis antigos poden carecer desta posibilidade polo que debería considerarse a posibilidade de adquirir un televisor novo que sexa compatible coa tecnoloxía HD ou ben un decodificador ou sintonizador con capacidade HD.
  • Decodificador ou sintonizador TDT HD: Se o seu televisor non é compatible coa emisión HD será necesario dispoñer dun decodificador ou sintonizador de TDT HD. Estes dispositivos conéctanse ao cable de antena e ao televisor e permiten recibir o sinal de TDT en formato de alta definición.
  • Antena de TDT: A antena xoga un papel crucial na recepción do sinal de TDT. É importante asegurarse de ter unha antena adecuada e en bo estado para recibir as emisións en HD. Pode ser necesario axustala para optimizar a recepción do sinal. No caso das comunidades de veciños pode ser necesario instalar módulos adicionais ou actualizar os xa existentes, polo que a comunidade de propietarios debería poñerse en contacto cun instalador autorizado.
  • Cableado de calidade: O cableado utilizado para conectar a antena ao televisor ou ao decodificador tamén pode afectar a calidade do sinal. É recomendable utilizar cables de boa calidade e asegurarse de que estean en bo estado para evitar interferencias e perda de calidade do sinal.
  • Configuración e procura de canles: Unha vez que se teñan todos os elementos necesarios haberá que levar a cabo unha procura de canles no televisor ou no decodificador. Este proceso permitirá sintonizar e gardar as canles de TDT dispoñibles na súa área.

 

E se recibo o servizo a través de SAD-TDT?

O servizo da recepción da TDT vía satélite para zonas de sombra inclúe todas as canles que actualmente se están transmitindo en TDT de ámbito nacional e os autonómicos que se adhiran ao proxecto.

Igualmente, os receptores TDT-SAT HD poderán visualizar as canles de SAT-TDT a partir do 14 de febreiro de 2024. Se ten unha receptor SD debe chamar a un distribuidor autorizado para cambialo ou deixará de ver as canles.

Os receptores activados nunha Comunidade Autónoma, poderán recibir unicamente as canles autonómicas desa comunidade adheridos ao proxecto. As canles locais non.

En relación á incorporación de novas canles unha vez incorporados, os receptores pasaranse uns minutos sintonizándose de forma automática. Hai que ter en conta que coa sintonización pérdese a orde das canles que cada espectador puxese. Isto pasará cada vez que se engadan canles novas ao servizo de SAT-TDT.

 

Máis información

Ante calquera dúbida con respecto a este proceso ou se observa problemas na recepción das canles de televisión o cidadán pode contactar coa Oficina de Atención á Televisión Dixital no 901 20 10 04 ou a través dos seguintes formularios de atención: