Monforte de Lemos, 1 de febreiro de 2024. O Alcalde de Monforte, José Tomé Roca, informa que na tarde de hoxe xoves 1 de febreiro, está previsto a tala dun chopo no Parque dos Condes. Logo dos pertinentes informes técnicos, o rexedor monfortino deu orde de proceder á tala de dita árbore por motivos de seguridade.
Concretamente, esta árbore ubícase na marxe do Cabe, á altura do embarcadoiro do Parque dos Condes. O chopo actualmente está inclinado, debido ó empuxe da cepa doutras árbores, e por mor desa inclinación, xa está apoiado na caseta de madeira municipal que da servizo o citado pantalán, concretamente ás barcas utilizadas para os paseos polo río Cabe que o Concello ofrece no verán, e ó club de piragüismo da cidade, entre outros.
Por este motivo, a fin de garantir a seguridade dos usuarios do Parque, o Alcalde deu orde de levar a cabo a tala desta árbore, tala que está previsto se produza na tarde de hoxe, a unha empresa especializada neste tipo de traballos, xa que o actual estado da árbore, segundo os informes emitidos polos técnicos, pode supoñer un perigo para os usuarios do Parque dos Condes, e tamén pode danar a estrutura da caseta de servizos sobre a que se está a apoiar. Unha vez sexa talada a árbore, a empresa procederá á retirada da mesma.