Monforte de Lemos, 6 de marzo de 2024. O Alcalde de Monforte, José Tomé Roca, deu a coñecer hoxe en rolda de prensa un proxecto cuxa execución suporá a mellora do entorno que rodea as instalacións deportivas e os edificios de vivendas da zona da Pinguela. Concretamente, o Concello abordará a mellora das vías, aparcadoiros e beirarrúas municipais situadas no entorno do Campo municipal de fútbol, o Pavillón polideportivo, a Piscina municipal e as Pistas de tenis. Na rolda de prensa, estivo acompañado pola primeira Tenente de Alcalde, Gloria Prada, e o concelleiro de Obras e Servizos, José Luis Losada.
O rexedor monfortino explicou que “este proxecto supón dar un paso máis na mellora da Pinguela, logo de que o pasado ano 2023 o Concello reformara o Pavillón Polideportivo Municipal, no que investimos case 4 millóns de euros, e que deron como resultado que teñamos un pavillón moderno, funcional, eficiente enerxeticamente, e que da resposta ás necesidades dos clubs e os nosos deportistas”.
Ademais, engadiu, “trátase dunha zona que, polas instalacións deportivas que acolle, conta con moito tránsito diario de vehículos, que se intensifica especialmente nas fins de semana, cando se disputan as diferentes competicións deportivas que acollen tanto o pavillón, como o campo de fútbol, a piscina ou as pistas de tenis”.
Deste xeito, o proxecto ten un custe de licitación de 223.715,10 euros (IVE engadido), case un cuarto de millón de euros, e publicarase hoxe mércores 6 de marzo na Plataforma de Contratos do Sector Público, polo que o prazo de presentación de ofertas será de 26 naturais e estará aberto ata o luns 1 de abril. A mesa de contratación para a apertura dos sobres administrativo e técnico será o luns 8 de abril e a mesa para a apertura da oferta económica celebrarémola o 15 de abril.
Nova ordenación do tráfico e 35 prazas de aparcamento máis
O Alcalde monfortino explicou que “a causa da reforma do Pavillón de A Pinguela, fixéronse actuacións sobre o seu entorno, polo que é necesario reordenar as circulacións e as prazas de aparcamento que dan servizo ás instalacións deportivas municipais, así como ós edificios de vivendas existentes na zona.”
Deste xeito, unha modificación importante deste proxecto é a reforma das entradas e saídas, “para darlle máis seguridade e facer os estacionamentos máis accesibles”.
José Tomé explicou os cambios que supoñen este proxecto de mellora e así, no lateral-frontal da piscina, suprímese a entrada para reducir a velocidade de acceso e nese espazo situaranse 3 prazas de autobús e 2 prazas de discapacitados, dándolle continuidade á beirarrúa, plantando 3 árbores de sombra e colocaranse bancos.
A actual entrada central, vaise converter na entrada e saída principal dende a rúa Sober, aínda que haberá outro acceso na zona máis próxima á Pinguela.
Polo que respecta á zona que bordea as pistas de tenis, habilitaranse dúas entradas e dúas saídas cara a rúa Sober no lateral da piscina, e unha entrada de nova creación, dende a rúa da Pinguela, no lateral coa instalación da Confederación Hidrográfica do Miño-Sil.
“Todo isto supón”, subliñou o Alcalde, “unha nova ordenación do tráfico máis funcional, máis cómoda e sobre todo, máis segura”.
Ademais, salientou que con esta nova ordenación, vai haber 263 prazas para turismos, 8 para discapacitados, 3 para autobuses e outras prazas para motos e bicicletas, cun total de 274 prazas para vehículos. Así, increméntanse en 35 prazas as que hai neste momento, sen ter en conta as de motos e as de bicicletas, só para vehículos.
Mellora integral das vías, aparcadoiros e beirarrúas municipais do entorno da Pinguela
A actuación de mellora das vías deste entorno da Pinguela abranguerá unha lonxitude total de 420 metros, cun ancho medio de 21,05 metros. A superficie total de actuación será de 8.847 metros cadrados, preto dunha hectárea.
As obras de mellora consistirán en primeiro lugar, no fresado do firme actual nas zonas necesarias, así como ó levantado da calzada para o rebaixe da súa cota noutras zonas, co obxecto de nivelar toda a zona.
Tamén se procederá ó levantado de beirarrúas nas zonas necesarias, así como ó corte de pavimento nas zonas nas que se colocará a rigola e nas unións co resto das vías. Nas zonas en que actualmente non están pavimentadas, procederase á apertura de caixa e posterior recheo con zahorra, base de pedra e triple rego e aglomerado en quente.
Nas zonas nas que se constrúan as novas beirarrúas, procederase á colocación dunha soleira de formigón para a posterior colocación de baldosas de formigón. Tamén se colocarán os bordes correspondentes a ditas beirarrúas.
Nas zonas baixas, onde se atopan as distintas pendentes colocarase unha rígola de formigón para recoller a auga de pluviais e conducila aos sumidoiros que se colocarán. Renovaranse sumidoiros nos puntos en que xa existen e colocaranse uns novos noutros puntos en que sexan necesarios, todos eles conectados á rede de pluviais existente.
Posteriormente, procederase ó varrido do firme na zona de actuación, previamente á colocación da nova capa de rodadura de aglomerado en quente D-12 de 5 cm de espesor, con posterior recalce de tapas de arquetas.
Por último, unha vez secado o asfalto, pintaremos coas marcas viais correspondentes procederase ao pintado de marcas viarias e de símbolos e cebreados. Tamén serán pintadas as marcas correspondentes ás prazas de aparcamento, incorporando esas novas prazas que lles comentei anteriormente.
Tamén se colocarán sinais na contorna do paso de peóns elevado, así como bancos, papeleiras, árbores, pilonas para evitar que os coches aparquen en zonas non autorizadas, varandas de protección ó longo do pavillón, para que os vehículos non entren e aparquen nestas zonas peonís, e un aparcamento para bicicletas e motos.
Criterios de adxudicación e prazos
Este proxecto ten un custe de licitación de 223.715,10 euros (IVE engadido), e publicarase hoxe mércores 6 de marzo na Plataforma de Contratos do Sector Público, polo que o prazo de presentación de ofertas será de 26 naturais e estará aberto ata o luns 1 de abril. A obra levarase a cabo a través de fondos municipais e dos aportados pola Deputación de Lugo, a través dun convenio establecido co Concello.
A mesa de contratación para a apertura dos sobres administrativo e técnico será o luns 8 de abril e a mesa para a apertura da oferta económica celebrarase o 15 de abril.
Os criterios de adxudicación serán:
- Memoria técnica: 40 puntos.
- Prezo: 40 puntos.
- Ampliación do prazo de garantía: 20 puntos.
O prazo de execución da obra, unha vez sexa adxudicada e se asine o contrato e sexa asinada a acta de replanteo, está previsto que sexa de 2 meses.
“Creo que se trata dunha inversión moi importante, dun cuarto de millón de euros” subliñou José Tomé, “que sen dúbida mellorará o entorno das instalacións deportivas municipais ubicadas da Pinguela, que estará acorde co novo Pavillón polideportivo, e que dará resposta ós centos de usuarios que se achegan a estas instalacións cos seus vehículos, e que contarán con máis prazas de aparcamento e mellores accesos.
“Deste xeito”, concluíu o Alcalde, “seguimos a licitar a contratación de obras, servizos e subministros públicos, dentro dun ambicioso programa de mellora de infraestruturas urbanas e da rede viaria de Monforte tal como vimos facendo dende que chegamos ó Goberno fai preto de 9 anos, e que seguiremos facendo para cumprir o compromiso que temos con todos os monfortinos e monfortinas, para que Monforte siga medrando en todos os aspectos”.