Monforte de Lemos, 20 de decembro de 2024. O Alcalde de Monforte, José Tomé Roca, participou na tarde de hoxe na Chocolatada de Nadal que organizou o Equipo de Goberno dentro das actividades do Programa Activa.
O rexedor monfortino estivo acompañado pola Tenente de Alcalde, Gloria Prada, o concelleiro de Obras e Servizos, José Luis Losada, así como a Coordinadora dos Servizos Sociais do Concello, María Luz Méndez.
A chocolatada, que estivo dirixida ós usuarios e usuarias do Plan Activa, foi todo un éxito de participación.
O Alcalde felicitou ós asistentes as Festas de Nadal e animounos a seguir participando e aproveitando o completo programa de actividades co que conta o Programa Activa.
Cabe recordar que este programa diríxese especialmente ás persoas maiores de 55 anos “cun dobre obxectivo: favorecer o envellecemento activo e mellorar a calidade de vida dos adultos maiores, promovendo o seu benestar psicosocial, fomentando a participación social, habilitando espazos de encontro interxeracional, evitando o illamento e as situacións de soidade, e dinamizando as nosas parroquias rurais”.
A mostra do compromiso do Executivo de José Tomé co Programa Activa, é que nesta edición de 2024-2025 incrementouse a súa partida orzamentaria en 6.000€, alcanzando así os 56.000€, para atender á demanda existente, que crece debido ó éxito que ano tras ano ten este programa.