O Alcalde da a coñecer o cartel gañador das Patronais de Monforte 2024, unha homenaxe ás mulleres protagonistas das Festas

Monforte de Lemos, 14 de xuño de 2023. O Alcalde de Monforte, José Tomé Roca, fixo hoxe público o cartel gañador das vindeiras Festas Patronais da cidade, que terán lugar do 11 ó 16 de agosto de 2024.

Na presentación do deseño que se alzou coa vixésimo novena edición deste concurso de carteis, o Alcalde estivo acompañado pola 1ª Tenente de Alcalde, Gloria Prada.

-Este ano o xurado decidiu que a proposta artística de Rubén Lucas García, é a mellor dos 20 traballos que se presentaron ó concurso que convocamos dende o Concello. O cartel gañador foi presentado baixo o pseudónimo de “Mulleres”.

 

29ª edición do Concurso de Carteis

O Alcalde explicou que “cando convocamos o concurso de carteis para as Festas Patronais, facémolo permitindo a participación a calquera persoa que teña interese en contribuír a divulgar as nosas festas a través da súa capacidade artística. Porque desta forma temos unha maior aportación e variedade de ideas, como as 20 propostas que recibimos neste 2024”.

Neste senso, José Tomé recordou que “trátase dunha iniciativa que como lembrarán vostedes, dende 2015, dende que son Alcalde, volvemos a apostar por esta fórmula aberta ó público en xeral, para que calquera cidadán poida facer a súa proposta. Así, neste ano 2024, o concurso cumpriu a súa vixésimo novena edición, 9 delas dende a miña chegada á Alcaldía”.

Deste xeito, dende o Concello establécese todos os anos un premio de 1.000 euros para o cartel gañador, “unha cantidade coa que retribuír o esforzo, o traballo e a creatividade da persoa que resultara gañadora”.

 

20 obras a concurso en 2024

En total, ó concurso deste ano presentáronse 20 traballos artísticos, un número superior ó da pasada edición de 2023, na que se presentaron 15 propostas, 5 deseños máis, un 33% máis,  o cal e que demostra o interese dos artistas por este tipo de concursos.

A maioría deles foron elaborados por veciños e veciñas de Monforte; en concreto foron 6 os traballos a cargo de artistas monfortinos.

Tamén chegaron propostas doutras localidades galegas, en concreto, 2 dende Vigo, 1 dende A Coruña, 1 dende Cambados, 1 dende a Rúa de Valdeorras e unha 1 de Chantada.

Fóra de Galicia o concurso de carteis das Festas de Monforte tamén espertou interese. Proba diso é que se presentaron 3 traballos dende Murcia, 1 de Xátiva (Valencia), e 1 dende Dinamarca, da localidade de Fraderiksberg.

Todos os carteis que se presentaron a concurso, as 20 obras, serán expostos a principios de agosto na Casa da Cultura de Monforte. Unha vez remate dita exposición, os autores non premiados poderán retirar os seus carteis se así o desexan.

 

Elección do cartel gañador

O xurado, estivo composto por sete persoas de ámbitos sociais, educativos e culturais monfortinos diferentes, así como a Tenente de Alcalde, Gloria Prada, debido á que este ano a Concelleira de Cultura, Marina Doutón, non puido participar por estar de baixa. O xurado decidiu o gañador  tras cinco rondas de clasificación, que levaron a tres finalistas que se disputaron o premio final.

A elección do cartel que o xurado considerou como gañador, en verbas do Alcalde “é unha homenaxe á muller. Así o decidimos facer ó longo de todo este ano. A figura feminina foi a protagonista do cartel da Feira Medieval, unha muller guerreira, e volve a selo no cartel do Festival do Viño da Ribeira Sacra de Monforte, que dimos a coñecer este pasado luns.”.

A elección do cartel que o xurado considerou para este ano é un deseño protagonizado por unha muller gaiteira, en cuxo corpo recóllense tanto os principais elementos protagonistas das nosas Festas Patronais, como tamén figuras femininas relevantes das mesmas.

Deste xeito, o Alcalde explicou que no rostro desta gaiteira, que é un símbolo da nosa música tradicional, aparecen representados os Fogos artificiais di Río e de San Vicente.

Tampouco faltan no seu corpo os lugares máis representativos da nosa cidade: a Ponte Vella e o río, os Escolapios, a Praza de España, ou o conxunto histórico de San Vicente.

As figuras femininas que están incluídas neste corpo de gaiteira, de aí ese pseudónimo que o artista titulou con “Mulleres”, son a Virxe de Montserrat, as figuras femininas dos Xigantes e Cabezudos, e as gaiteiras, pandereteiras e bailadoras que protagonizan parte do noso programa musical das festas.

Polo tanto, “o cartel aúna na figura feminina da gaiteira a tradición da festa cos elementos icónicos da nosa cidade, e resalta as figuras femininas protagonistas dos nosos festexos”, salientou José Tomé.

No conxunto do cartel predomina a estética colorista a través dunha ampla gama cromática de cores alegres, especialmente os vermellos, verdes e azuis. Neste senso, “creo este cartel é unha explosión de alegría e cor, como o foi nos últimos anos, unha estética que gusta ó noso xurado porque o cartel das festas debe transmitir a alegría, a felicidade e a vitalidade  das nosas festas”.

O Alcalde concluíu a súa intervención agradecendo á empresa Gadis a súa colaboración neste concurso, así como na posterior impresión dos carteis das nosas Festas Patronais. E tamén a colaboración da Deputación Provincial de Lugo, a través do Plan Deputación de Cooperación cos Concellos.