O Alcalde presenta a 6ª edición do Festival do Viño da Ribeira Sacra de Monforte, coa participación máis alta da historia en número de adegas

Monforte de Lemos, 10 de xuño de 2024. O Alcalde de Monforte, José Tomé Roca, acompañado pola 1ª Tenente de Alcalde, Gloria Prada, deu a coñecer hoxe o Programa e Cartel oficial do que será a sexta edición do Festival do Viño da Ribeira Sacra de Monforte, que se celebrará a primeira semana completa do mes de xullo, concretamente, do 5 ó 7 de xullo no paseo do Malecón da cidade.

“O Festival do Viño da Ribeira Sacra de Monforte, é unha proposta diferente cun amplo programa de actividades que xiran en torno ó viño, que é o auténtico protagonista do Festival”, sinalou José Tomé.

Neste senso, o Alcalde destacou, o incremento no número de adegas participantes, que aumentou en catro con respecto á edición de 2023, participando neste ano  34 adegas, que supoñen o número máis alto de participación nas 5 edicións que se levan celebrado do Festival do Viño, dende o ano 2017 cando se celebrou a primeira edición. Son 4 adegas máis que en 2023 e 7 adegas máis que en 2022.

“Todas estas adegas ofrecerán ó visitante a posibilidade de degustar e gozar dunha ampla variedade de viños que non deixarán indiferente a ninguén, nunha contorna natural, tranquila e confortable á beira do Río Cabe, no Paseo do Malecón”.

“Estou convencido” sinalou o rexedor monfortino, “de que o Festival do Viño da Ribeira Sacra de Monforte seguirá sendo un evento de referencia non só no sur da provincia de Lugo, sino tamén en toda Galicia, e fora das nosas fronteiras, de feito, está en todo o mundo, si entras en Google, salta o Festival do Viño de Monforte. Unha cita imprescindible destinada a público de todas as idades, onde quen nos visite poderá descubrir e sentir Monforte e a Ribeira Sacra a través da súa paisaxe, da súa gastronomía, da súa tradición, e por suposto, do viño”.

Cartel oficial do Festival do Viño

No que se refire ó Cartel oficial do Festival, o Alcalde indicou que “este ano quixemos, seguindo coa liña de todos os anos, que nel o protagonista, ademais do viño, sexa a muller”.  

“Primeiro”, explicou José Tomé, “porque a muller incorpórase cada vez máis ó consumo de viño, sobre todo de viño branco. Polo  que con este cartel, queremos que as mulleres se animen a probar tamén os viños tintos”.

Por iso, no cartel na figura feminina o color tinto do viño está tamén nos seus beizos e no seu vestido. Do mesmo xeito, decidimos manter unha gama de cores consistente con anos anteriores para axudar aos nosos veciños a recoñecer rapidamente a imaxe do festival.

Polo tanto, o cartel do Festival do Viño da Ribeira Sacra de Monforte desta edición representa o consumo de viño como elemento de ocio e glamour, tamén para as mulleres, incorporando un estilo novo e fresco cunha ilustración plana e sinxela que nos achega a un público máis novo con ganas de coñecer o universo do viño.

 

Montaxe e deseño dos stands do Festival

En canto á montaxe e deseño dos stands, continúa a liña de edicións anteriores, pero modifícase o seu deseño gráfico, sempre conservando a esencia do Festival: madeira en cor natural, tons violetas e granates, e empregando elementos máis contemporáneos como é o aceiro en determinadas estruturas, coa incorporación de pequenos xardíns verticais que o converte nun Festival de élite dentro dos eventos do viño.

A novidade deste ano, será a colocación dun pórtico de entrada ó Festival, que tamén servirá de photocall e vaille dar máis empaque á entrada no recinto.

Teremos, como na edición anterior, unha importante zona de sombreado que abarca todo o recinto así como o acceso ó Palco Inaugural para que o visitante que se achegue poida pasear polo espazo do Malecón máis comodamente.

O longo do Festival haberá diferentes tótems informativos co programa de actividades para que o visitante poda seguir cada unha das actividades nos diferentes horarios. E disporemos de wi-fi gratuíto en todo o recinto.

 

 

Adegas participantes e Zona de gastronomía

As 34 Adegas participantes nesta sexta edición do Festival do Viño da Ribeira Sacra de Monforte, supón a participación máis alta das edicións que se levan celebrado, son:

  1. A Man de Prado
  2. Abadía da Cova
  3. Adega Carqueixa
  4. Adega Vella
  5. Algueira
  6. Alma das Donas
  7. Alouviño
  8. Asolagados
  9. Cardenal R. de Castro
  10. Castrofiz
  11. Cividade
  12. Condado de Sequeiras
  13. Corzoás
  14. Cruceiro
  15. Don Bernardino
  16. Finca Cuarta
  17. Finca Míllara
  18. Galanteiro
  19. Guímaro
  20. Gullufre
  21. Lucenza
  22. Malcavada
  23. Os Cipreses
  24. Pazo de la Cuesta
  25. Petrón
  26. Peza do Rei
  27. Ponte da Boga
  28. Rectoral de Amandi
  29. Regina Viarum
  30. Santa Mª de Nogueira
  31. Tear
  32. Tolo do Xisto
  33. Vía Romana
  34. Viña Vella

 

Nove das adegas participantes nesta edición acoden por primeira vez a este Festival, e non participan 5 que estiveron na edición anterior, por problemas de axenda. As novas son: Adega Carqueixa, Bodegas Sta Mª de Nogueira, Castrofiz, Alouviño, Cardenal Rodrigo de Castro, Pazo de la Cuesta, Os Cipreses,  Regina Viarum e Vía Romana.

Ademais, o Festival contará  cunha Zona de Gastronomía que contribuirá a acompañar mellor a degustación dos viños. Este ano auméntase o número de stands e diversificase a súa oferta. Serán un total de 12 participantes nesta edición, con respecto ós 11 da edición anterior, repartidos por todo o recinto, e ofrecerán produtos da zona, dende queixos, postos de xamón, xeados artesáns, panaderías ata racións máis elaboradas feitas por restaurantes de Monforte de Lemos.

Os integrantes desta zona gastronómica serán:

  1. Queso negro Buleri
  2. Lácteos Ribeira Sacra
  3. Embutidos Valentina
  4. Xamóns D. Francisco
  5. Xamóns Roberto
  6. Helados Xeou
  7. Panadería Fernández
  8. Panadería La Luna
  9. Restaurante Aquelarre
  10. Restaurante El Hórreo
  11. Restaurante Galicia
  12. Tres Fuciños Porco Celta

Inauguración e programa musical

As actuacións musicais son outro dos piares do festival, e ó igual que o ano pasado, terán lugar no propio recinto do Festival. O Paseo do Malecón acollerá 3 actuacións musicais os días 5 e 6 de xullo.

O venres 5 de xullo, terá lugar a INAUGURACIÓN OFICIAL, que abrirá coa actuación da Real Banda de Gaitas da Deputación de Ourense ás 20:30 h.

Tras ela, ás 20:45 h., terán lugar as intervencións institucionais do Alcalde de Monforte e Presidente da Deputación de Lugo, José Tomé, e do Pregoeiro, que este ano será Antonio Lombardía Crespo, Presidente do Consello Regulador da D.O. Ribeira Sacra.

A Real Banda de Gaitas da Deputación de Ourense, que xa participou noutras edicións deste Festival, difunde e prestixia a gaita como instrumento senlleiro nacional de Galicia, levando o espírito do noso pobo a tódolos currunchos do planeta.

Ese mesmo día ás 11 da noite, tocarán os Gin Toni’s, banda divertida, apaixonada e elegante que cada noite logra unha conexión incrible co público dos seus concertos. Fan versións das mellores cancións do Pop e do Rock español dende os anos 80 ata a actualidade. O seu repertorio está cheo de cancións coñecidas que nos transportarán ás Décadas de Ouro da música española.

 O sábado 6 de xullo ás 23:00 h., será a quenda dun grupo monfortino de referencia, Malenne, que cada vez está acadando maiores éxitos grazas ó seu directo espectacular. O seu repertorio inclúe as versións máis coñecidas do pop español e do indie rock.

 

Talleres de cata de viños da D.O. Ribeira Sacra e Masterclass

Nesta edición o Equipo de Goberno ideou dous obradoiros de cata con diferente perfil:

O sábado 6 de xullo, de 11:30 a 13:00 h., terá lugar o obradoiro práctico e sensorial “Enológo por un día na Ribeira Sacra” a cargo de Iván Olmedo, membro de Asociación Galega de Enólogos.

O domingo 7 de xullo, no mesmo horario, celebrarase o obradoiro sensorial “Descobre… Suelos Ribeira Sacra: Pizarra vs. Granito” a cargo de David Pascual, enólogo e presidente da Asociación Galega de Enólogos.

Debido ó grande éxito de participación que tivo o ano pasado a Masterclass, este ano ampliase a dúas sesións, que estarán impartidas por Isabel Lozano e Roberto Gándara da Asociación de Sumilleres de Galicia.

Ambas sesións serán en horario de 13:30 a 15:00 h.: O sábado 6 de xullo terá lugar a masterclass titulada “Viños do Vello Mundo que recordan a Ribeira Sacra” e o domingo 7, “Terriña: suelo, clima, variedades e elaboración na Ribeira Sacra”.

Todos os obradoiros e masterclass son gratuítos e faranse na zona acondicionada como Sala de Catas dentro do recinto do Paseo do Malecón. Pero como o número máximo que poden participar en cada un deles é de 30 persoas, é necesario facer reserva previa no teléfono 621 40 34 88 ou no e-mail festivalmonforte@gmail.com.

 

Programa infantil

O Festival do Viño da Ribeira Sacra de Monforte contará, como estes anos, con actividades infantís, pois este é un Festival dirixido ás familias, nos que os nenos tamén teñen presencia neste Festival.

Para elo, acondicionarase unha zona á beira do Rio Cabe para que os máis cativos podan desfrutar de diferentes obradoiros.

O sábado 6, de 12:30 a 13:30, terá lugar o Contacontos a cargo de Anxo Moure. E de 19:30 a 20:30 h. Títeres a cargo da compañía Tarabelos.

O domingo 7, de 12:30 a 14:00 h. un Obradoiro de olería tradicional da Ribeira Sacra a cargo de Figulus. E de 19:30 a 20:30 h. un Showcooking impartido por Velaísca Animación.

 

Vinorutas polo Sil e o Miño

E Executivo de José Tomé segue apostando polas Vinorutas. As dúas que se ofertan este ano, permitirán desprazarse ós que se anoten nelas ata o lugar de orixe dos viños de Ribeira Sacra, onde poderán contemplar os viñedos e os ríos que bañan as ladeiras así como diferentes adegas. Unha experiencia única para sentir a vertixe da nosa "viticultura heroica".

Todas as Vinorutas partirán do Parque dos Condes, onde nun microbus cun guía profesional levará os anotados ata os enclaves protagonistas destas rutas, sendo necesario facer reserva previa no teléfono 621 40 34 88 ou no e-mail festivalmonforte@gmail.com.

A Vinoruta do Sil, Quads pola Ribeira do Sil terá lugar o sábado 6 de xullo, con saída ás 9:30 h e consistirá en facer unha ruta de medio día en Quad.

Cada quad ten 2 prazas e iremos acompañados por un monitor en todo momento. Visitaranse miradoiros sobre o Canón do Sil, achegarase ó Lago de Rosende, baixarase á Fervenza de Portizó e terán lugar visitas guiadas a dúas adegas dentro da D.O. do Viño Ribeira Sacra, a adega Malcavada en Rosende e a adega A Man de Prado en Bolmente.

Esta ViñoRuta ten un prezo de 55€ por persoa.

O domingo 7 de xullo, a Vinoruta do Miño, Coñecendo a Ribeira do Miño en Zodiac, permitirá coñecer a ribeira do Miño en Zodiac. Saíndo ás 9:45 h., comezará coa visita á adega Abadía da Cova no “Cabo do Mundo”. A continuación irase á praia da Cova para facer un percorrido en zodiac e ver os viñedos en terrazas desta Viticultura de Montaña. Farase unha parada na Fervenza de Augacaída de 30 metros de altura. A continuación desembarcarase na fermosa vila de Belesar para ir á adega Vía Romana e degustar os seus viños.

Esta Vinoruta ten un prezo de 40€ por persoa.

 

Horarios do Festival do Viño

Os horarios de apertura e peche dos stands deste Festival do Viño, que se amplían un pouco con respecto ó ano pasado, serán:

  • O venres 5 de xullo de 7 da tarde (19:30 h) á 1 da mañá, sendo á inauguración a partir das 20:30 horas.
  • O sábado 6 de xullo, de 11 da mañá a 3 da tarde (15:00 h), e das 7 da tarde (19:00 h) ás 1 da mañá.
  • E o domingo 7, de 11 da mañá a 3 da tarde (15:00 h) e das 7 da tarde (19:00 h)  ás 12 da noite.

 

Promoción do Festival do Viño

José Tomé salientou a importante promoción publicitaria que levará a cabo o Concello de Monforte. “Agora que xa fixemos público o cartel e o programa oficiais, axiña comezaremos xa a difundilos para conseguir darlle a máxima visibilidade á celebración do Festival do Viño que vai acoller a nosa cidade nos primeiros días do mes de xullo”

O obxectivo é “que nos visite moita xente durante os tres días que vai durar o evento, que en definitiva debe supoñer o colofón a todas as feiras que se celebran en varios concellos da Denominación de Orixe do sur da provincia de Lugo”.

Deste xeito, o Concello fará unha promoción en toda Galicia a través dos carteis que serán colocados nas distintas cidades e pobos, no reparto dos programas en todas as oficinas de turismo, nos medios de prensa escrita a nivel provincial e de Galicia, en medios radiofónicos, en redes sociais en todo o mundo.

“Se o tempo nos acompaña”, subliñou o Alcalde, “estamos seguros de que esta edición do Festival do Viño, atraerá a miles de visitantes a Monforte e ó conxunto da Ribeira Sacra, que nos axudarán a dinamizar a economía da comarca, particularmente o mundo do viño, a hostalería e o comercio.”

“En definitiva, queremos promocionar o viño, a Ribeira Sacra e a Monforte, que é a súa capital, e animar tanto ós monfortinos como ás persoas que veñan de fora a que disfruten eses días en Monforte dun Festival do Viño único, estou seguro de que non se sentirán defraudados.”

Finalmente, o Alcalde anunciou que este mércores 12 de xuño, ás 20:30h., celebrarase unha reunión no Salón de Plenos do Concello coas adegas inscritas, onde se fará o sorteo dos stands e se lle explicarán todos os pormenores deste Festival do Viño da Ribeira Sacra de Monforte.

 

PROGRAMA:

En galego:  Tríptico Festival do Viño da Ribeira Sacra de Monforte 2024

En español:  Tríptico Festival del Vino de la Ribeira Sacra de Monforte 2024