O Alcalde anuncia o inicio das obras que mellorarán o paseo fluvial entre a Ponte Nova e a Gardería Municipal, o único tramo urbano que quedaba sen facer

Monforte de Lemos, 14 de setembro de 2024. O Alcalde de Monforte, José Tomé Roca, deu conta hoxe en rolda de prensa dun “novo proxecto de mellora que atañe a unha zona da cidade na que levamos actuando dende hai uns anos e que supón un antes e un despois nesta parte da cidade. Estoume a referir ó centro da cidade, no entorno da Zona C, nun espazo que afecta á unha das beiras do río Cabe, en concreto, ó Paseo que transcorre entre a Ponte Nova, por detrás das casas de Rof Codina e a Gardería Municipal, e incluíndo un trozo máis situado despois da gardería”. Na rolda de prensa, estivo acompañado pola Tenente de Alcalde, Gloria Prada, e o Concelleiro de Obras e Servizos, José Luis Losada.

Con esta actuación, o paseo do río terá continuidade a partir da Ponte Nova,  percorrendo todo ó longo da Zoba C e ata a zona de Cobas.

José Tomé explicou que actualmente, este paseo entre a Ponte Nova e Gardería é de terreo natural, compactado, pero sen pavimentar, polo que o Equipo de Goberno vai proceder á pavimentación do mesmo con formigón semipulido en cor terra xabre, similar ó existente na rúa do Conde e no Parque da Gardería, situado nas proximidades. Esta zona era o único tramo urbano do paseo fluvial que quedaba sen facer tras o encauzamento levado a cabo arredor do ano 2003 pola Confederación Hidrográfica do Norte.

As obras consistirán na dotación do novo firme deste paseo, que forma parte da rede viaria municipal, nunha lonxitude total de 190 metros e un ancho medio de 4,45 metros. Polo que a superficie total de actuación será de 845 m².

Para levar a cabo esta actuación, é necesario proceder á apertura de caixa sacando a terra vexetal, para a posterior colocación do firme de formigón de 15 cm. de espesor.

Antes, procederase a recoller a auga de varias baixantes de pluviais que desaguan no paseo. Para iso, colocaranse uns sumidoiros e unhas canalizacións de PVC cara ao río, igual ás que hai no resto do paseo.

Tamén procederase a construír dous tramos de muro de pedra, co obxectivo de completar o existente ó borde do pase, substituíndo a baranda de madeira que hai nas proximidades da Ponte Nova.

Por último, levarase a cabo a colocación de pilonas de aceiro inoxidable, para evitar a entrada de vehículos desde a avenida de  Galicia. Ós garaxes poderase acceder pola entrada actual.

O orzamento que o Executivo de José Tomé destina a esta actuación é de 51.649,11€, e foi adxudicado á empresa Ovisa.

As obras está previsto que dean comezo nesta mesma semana, e o prazo de execución das mesmas será dun mes, se o tempo o permite.

“Estou seguro de que con esta actuación, seguiremos a potenciar o valor desta parte da cidade e do río Cabe, algo que fixemos significativamente coa consecución da Zona C, e que tamén faremos cando levemos a cabo a Zona D”, concluíu o Alcalde.