Monforte de Lemos, 4 de marzo de 2024. O Alcalde de Monforte, José Tomé Roca, deu a coñecer o programa deseñado polo Concello arredor do 8 de marzo, Día internacional da Muller. Na presentación, estivo acompañado pola Concelleira de Muller e Igualdade, Margarita López, así como a primeira Tenente de Alcalde, Gloria Prada.
O Concello de Monforte e o CIM non son alleos á importancia que ano a ano adquiren as actividades que se organizan arredor do día 8 de marzo, día Internacional da Muller, e por iso idearon un completo programa cuxo obxectivo é “facer actividades e propostas transformadoras que contribúan a eliminar na nosa sociedade as estruturas machistas e patriarcais que desgraciadamente seguen presentes no fondo de toda estrutura social y política das nosas vidas”, subliñou o Alcalde.
O rexedor municipal iniciou a súa intervención destacando que “dende o Equipo de Goberno de que eu presido sempre traballamos xunto ó movemento feminista, e seguiremos a traballar para facer realidade a igualdade entre homes e mulleres, para avanzar nos dereitos e liberdades das mulleres. A nosa meta é sentar as bases para que a igualdade entre mulleres e homes sexa real e efectiva”.
A continuación, Tomé Roca deu conta da axenda de actividades que dende o Concello se veñen planificando nos últimos meses con motivo da celebración do Día Internacional da Muller, ideadas dende a Concellería de Muller e Igualdade do Concello de Monforte, en colaboración co Centro de Información á Muller (CIM).
Campaña informativa e de concienciación, “Fiando na igualdade técese unha sociedade”
Baixo o lema “Fiando na igualdade técese unha sociedade”, esta campaña desenvolverase do 4 ó 15 de marzo, e que consistirá na colocación de carteis por distintas zonas da cidade (Paseo do Malecón, Rúa Cardeal e Compañía) con mensaxes visuais e atractivas sobre o empoderamento das mulleres, a igualdade real, a corresponsabilidade e a rotura coas brechas de xénero que seguen persistindo na sociedade.
Tal e como se fixo dende o Concello en campañas como o 25-N, instalarase un vinilo no Bus Urbano municipal impreso co lema da campaña, contribuíndo así a visibilizar e reforzar a mensaxe que se busca trasladar á sociedade, que é concienciar a poboación sobre a necesidade de acadar unha Igualdade real e efectiva entre mulleres e homes.
Iluminarase de cor malva e faremos unha proxección dixital na Torre da Homenaxe co lema “Monforte pola Igualdade”, o propio día 8 de marzo, das 19:30 h. ás 00:00 horas, co obxectivo de impactar na poboación monfortina para que adquira conciencia e sensibilidade co motivo da conmemoración do 8M.
Venres 8 de marzo, acto central do Día Internacional da Muller
O venres 8 de marzo, ás 12:00 horas, na Praza de España, terá lugar o acto central arredor do 8M. Escolleuse esta ubicación porque se as condicións meteorolóxicas non permiten realizar o acto na praza de España, trasladarase á Casa da Cultura.
A Concelleira de Muller e Igualdade, Margarita López Rodríguez, procederá á Lectura do Manifesto.
A continuación desenvolverase unha Peza de Danza-Teatro que leva por título o Lema do 8M deste ano “Fiando na igualdade técese unha sociedade”, a cargo da artista Merche Pérez. A peza que se vai representar nace a partir do personaxe feminino da mitoloxía grega Cloto que é a fiandeira que fía os fíos da vida.
Ó rematar esta peza, a artista lerá ante o público asistente o lema deste ano, e dará paso á participación no Acto do alumando de Educación Primaria dos Centros Educativos de Monforte para que lean as frases elaboradas e traballadas nas aulas.
Ó longo deste acto o Concello repartirá pulseiras serigrafiadas con frases en prol da Igualdade.
Dúas obras de teatro
Como cada ano tamén o teatro será protagonista en Monforte arredor do 8M, nesta ocasión con dúas pezas.
O xoves 7 de marzo ás 20:15 h no Edificio Multiusos terá lugar unha nova cita co teatro para adultos. En colaboración coa Concellería de Cultura desenvolverase a representación teatral “Que din as rumorosas” a cargo da compañía Artyc Content, que foi IV Premio “Luisa Villalta” a proxectos pola Igualdade 2022 da Deputación da Coruña. Trátase dunha comedia coral sobre como ser artista... e muller. A entrada será de 5€ para persoas adultas e 3€ para persoas desempregadas e xubiladas.
O teatro volvera a ser protagonista o domingo 10 de marzo ás 6 da tarde na Casa da Cultura coa representación teatral “Valente e rebelde” da compañía Trémola Teatro, con entrada gratuíta e dirixida a público familiar.
Obradoiros para o alumnado de Educación Primaria
Como en pasados anos, o Concello segue ideando obradoiros tanto para alumnos e alumnas de Primaria coma de Secundaria, dado o éxito e a efectividade que teñen entre o estudantado.
Para alumnado de Educación Primaria, volvemos a organizar a exitosa actividade do Escape Room de Igualdade “Arquivo 8M”, que consistirá nun xogo virtual cuxo emprazamento é un arquivo de historia feminista, no que o alumnado participante dividido en grupos deberán resolver unha serie de probas e acertixos, e posteriormente poñer en común os contidos acadados.
“O noso obxectivo con esta actuación”, resalta o Alcalde “é promocionar a igualdade efectiva entre mulleres e homes a través dunha aproximación histórica sobre o Movemento Feminista Occidental”.
As profesionais encargadas de levar a cabo o obradoiro son Sonia Fernández Bertólez e Ester Cano González, ambas traballadoras sociais con formación en xénero e igualdade. A actuación vai dirixida ao alumnado de 6º de Educación Primaria e ao alumnado do CEE Infanta Elena e cada sesión terá unha duración de execución de 100 minutos.
Na actividade, que terá lugar os días 6, 7, 11 e 12 de marzo, e participará o alumnado de 6º de Primaria dos Escolapios, do Ferroviario, do Torre de Lemos, do Colexio A Gándara, do Colexio Novo e do CEE Infanta Elena.
Esta actividade está financiada con cargo aos fondos transferidos pola Secretaría de Estado de Igualdad y contra la Violencia de Género, para o desenvolvemento de novas o ampliadas competencias reservadas ás entidades locais no Pacto de Estado contra a violencia de xénero para o exercicio 2023.
Obradoiros para o alumnado de Educación Secundaria
Respecto do alumnado de EDUCACIÓN SECUNDARIA, desenvolveremos co alumnado de 3º ESO un Obradoiro titulado “Hackeando ao machismo” no que se lle explicará ao alumnado os conceptos fundamentais da teoría feminista asentados na realidade das redes sociais tan presente nas súas vidas.
José Tomé resalta que “con este obradoiro, o noso obxectivo é que adquiran unha conciencia crítica e aprendan a ver como o machismo de xeito sutil impregna e afecta de forma negativa ás súas e ás nosas vidas”.
As encargadas de levar a cabo a actuación serán Priscila Retamozo Ramos, formadora en igualdade e diversidade con alumando de todos os niveis educativos, profesorado, familias e entidades e coautora dos libros “Comando Igualdade: a mocidade facendo a revolución feminista nas aulas” e “La revolución feminista nas aulas”; e Cristina Louzán García axente de igualdade especializada en teoría feminista e prevención da violencia contra as mulleres. As dúas formadoras empregarán unha metodoloxía participativa e vivencial, centrándose nos coñecementos e intereses do alumnado, posibilitando a reflexión, a expresión dos seus sentimentos, opinións, experiencias e coñecementos relacionados coa materia.
A actividade desenvolverase os días 11 e 12 de marzo nos Escolapios, Ferroviario, Torre de Lemos, e nos institutos de A Pinguela, Río Cabe e Daviña Rey.
Esta actividade tamén está financiada con cargo aos fondos transferidos pola Secretaría de Estado de Igualdad y contra la Violencia de Género, para o desenvolvemento de novas o ampliadas competencias reservadas ás entidades locais no Pacto de Estado contra a violencia de xénero para o exercicio 2023.
O Alcalde concluíu a súa intervención destacando que “organizamos un amplo e completo abano de actividades, dirixidas a todos os estamentos da nosa sociedade, porque dende o Equipo de Goberno do Concello queremos unha sociedade paritaria, participativa e igualitaria, na que as mulleres ocupen o lugar que lles corresponde por dereito, unha sociedade que camiñe cara á igualdade real e efectiva”.
Neste senso, o rexedor monfortino animou “a todos os monfortinos e monfortinas a que participen nestas actividades e quero convocalos especialmente a que nos acompañen o vindeiro venres 8 de marzo na Praza de España para celebrar o Día Internacional da Muller”.
“O noso obxectivo é acadar unha sociedade onde non teñan cabida as discriminacións por razón de xénero nin as violencias machistas, e na que esperamos que chegue o día en que non sexa necesario seguir reivindicando nada disto” subliñou o rexedor monfortino.