Monforte de Lemos, 25 de decembro de 2024. O Alcalde de Monforte, José Tomé Roca, acompañado pola 1ª Tenente de Alcalde, Gloria Prada, e o Concelleiro de Obras, Medio Rural e Servizos, José Luís Losada, ven de dar a coñecer mediante rolda de prensa o proxecto para a urbanización, dotación de servizos e conexión con redes de sistema xeral da Zona D, que comprende os terreos ubicados entre o Paseo do río, as traseiras dos edificios da Avda. de Galicia, as traseiras dos edificios da Rúa Cardenal e unha pequena parte do Parque dos Condes que se corresponde co lugar onde está ubicado o muro de peche e a pérgola. A zona de actuación abarca unha superficie 3.274 m2, case 3.300 m2.
No mes de marzo de 2023, o Alcalde monfortino dera a coñecer os inicios dos traballos para a elaboración do proxecto de reparcelación da Zona D, sendo a vontade do Alcalde “ir urbanizando as bolsas de suelo que están en condicións de ser urbanizadas, que se atopan en varias zonas da cidade, sen que ata agora se teñan desenvolto urbanisticamente, nin pasaran a formar parte da trama urbana, para facer de Monforte unha cidade máis compacta, mellor urbanizada, máis bonita e máis atractiva, para os que vivimos nela e tamén para os que nos visitan”.
Na rolda de prensa convocada polo Alcalde, presentou o proxecto elaborado para a urbanización desta zona e anunciou a licitación das obras do mesmo.
Unha vez elaborado o proxecto construtivo, as obras para a urbanización e dotación de servizos da Zona D, teñen un custe de licitación 324.910,85 euros (IVE engadido), que será financiado con fondos propios municipais.
Prazos
O prazo de presentación de ofertas será de 30 días naturais dende que se publique o anuncio na Plataforma de Contratación, o cal vai ser mañá xoves día 26 de decembro, polo que o prazo de licitación estará aberto dende o venres 27 de decembro de 2024 ata o luns 27 de xaneiro de 2025.
Os criterios de adxudicación que valoraremos para a elección da proposta máis vantaxosa serán:
- Memoria Técnica: 40 puntos.
- Oferta Económica (prezo): 40 puntos.
- Ampliación do prazo de garantía: 8 puntos.
- Pavimentación da rúa Cardenal: 8 puntos.
- Iluminación viaria: 3 puntos.
- Mobiliario urbano: 1 punto.
A mesa para a apertura do sobre correspondente á documentación administrativa e á memoria terá lugar o mércores 29 de xaneiro de 2025 ás 9:00 horas, e a mesa para a valoración da memoria e para a apertura do sobre coa oferta económica e coas melloras terá lugar o mércores 5 de febreiro de 2025 ás 9:00 horas.
O prazo de execución da obra, unha vez adxudicada e asinada a acta de replanteo, será de 6 meses, polo que, “calculamos que as obras van estar rematadas a finais do vindeiro ano 2025”.
Antecedentes
No ano 2000, a Corporación de entón, aprobou definitivamente unha modificación das Normas Subsidiarias de Planeamento o día 12 de abril e publicouse no B.O.P. de Lugo o día 26 de abril do mesmo ano, baixo a modalidade de Sistema de Compensación, que legalmente lle correspondería desenvolver ós propietarios, cousa que, 24 anos despois, non se produciu.
“Diante desta situación”, explicou o Alcalde, “e logo da experiencia positiva da Zona C, dende o Equipo de Goberno, decidimos tomar a iniciativa e propuxemos ó Pleno do Concello o cambio do Sistema de Compensación polo Sistema de Cooperación, onde a iniciativa xa lle corresponde ó Concello, dado que era evidente que os particulares non o fixeron.”
Esta proposta foi aprobada polo Pleno o día 29 de novembro de 2021, por 11 votos a favor do Partido Socialista e 6 abstencións dos concelleiros do PP, BNG e Esperta Monforte, sen que no período de exposición pública se produciran alegacións.
Este cambio permitiu ó Concello tomar a iniciativa para proceder á urbanización deste novo espazo urbano, que dará fachada á rúa Cardenal e ó Parque dos Condes, “o que vai supoñer unha mellora moi significativa”.
Igual que no caso da Zona C, este proxecto vai permitir urbanizar unha pequena bolsa de suelo, abrindo un novo vial peonil con videovixilancia que comunicará a rúa Cardenal co Paseo do Río, pola que so poderán transitar vehículos autorizados, e vai xerar novas parcelas edificables con baixo impacto, unha rotonda na zona cercana ó río, e tamén unha pequena zona verde, que mellorará e porá en valor esa zona que se proxecta cara o monumento da Nosa Señora da Antiga. O vial será a un so nivel, sen beirarruas nen asfalto, sendo de pavimento de baldosa de granito.
“Despois da excelente experiencia da “Zona C”, estamos convencidos de que na “Zona D” ocorrerá o mesmo, aínda que o seu ámbito é máis reducido, pero non menos importante debido á zona na que se atopa”, subliñou José Tomé.
O proxecto de reparcelación foi aprobado na Xunta de Goberno do día 17 de xullo, e foi publicado para exposición pública no B.O.P. de data 24 de agosto de 2023.
Na Xunta de Goberno Local celebrada o luns 17 de xuño de 2024, procedemos á aprobación definitiva do Proxecto de Reparcelación da “Zona D”. Esta aprobación foi posible logo de que o proxecto superara o proceso de exposición pública e de resolver as 6 alegacións que se presentaron ó mesmo.
O seguinte paso neste proceso, ó igual que ocorreu coa Zona C, foi o de contratar o proxecto construtivo para, con posterioridade, licitar as obras propiamente ditas, conforme ó proxecto previamente aprobado. Unha vez elaborado, “hoxe presentámolo e anunciamos tamén a licitación das obras do citado proxecto. E unha vez adxudicado e contratada a empresa adxudicataria, esta realizará as obras de urbanización propiamente ditas, ó longo de 2025”.
Principais datos recollidos no proxecto
A superficie total afectada por esta urbanización da Zona D é de 3.274 m2 que se corresponden con 1.932 metros de chan privado e 1.342 metros de terreo publico dos que 791 m. correspóndense coa tira da zona verde pegada ó muro de peche, cunha lonxitude de 41,5 m. e 561 m. do vial que descorre fronte á pérgola.
Cando a urbanización estea rematada o reparto dos novos terreos serán:
- Zonas verdes: 541 m2.
- Viais: 1.550 m2.
- Edificables: 1.182,95 m2 dos cales 1.126 m2 poden dar lugar a baixos e 3.958 m2 a uso de vivenda, ou outros usos, que poden dar lugar a algo singular en Monforte.
- As alturas serán de baixo + 3 na zona que linda co Banco de Bilbao e de baixo + 1 na zona que linda co Paseo do Río Cabe.
O Alcalde tamén recordou que no informe e na licencia do edificio do BBVA do ano 1969, establecía a obriga de deixar unha franxa de 3,5 metros de ancha paralela ó muro de peche dos Escolapios que se debía prolongar ata o río Cabe, cousa que os promotores do edificio non cumpriron, dado que solo se cumpriu para a entrada do garaxe.
Esta reserva de terreo era debido a que xa no ano 1969 tiñan a previsión de facer unha calle de 7 metros de ancha, aportando outros 3,5 metros da horta dos Escolapios.
Coa modificación das normas subsidiarias do ano 2000, tal como figura no plano, prevese unha rúa de 12 metros que inclúe unha rotonda nas proximidades do río Cabe.
No plano de reparcelación pódese observar como vai quedar a zona edificable e todo o que se gana para uso público, tanto viais como zonas verdes.
DESCRICIÓN DAS OBRAS
Demolicións e levantes: Levarase a cabo a demolición completa das construcións, muros e pavimentos que sexan incompatibles coa urbanización proxectada; así como, levante de carpinterías e peches metálicos e de formigón correspondentes.
Explanación: Procederase ó desbroce, limpeza superficial, retirada terra vexetal e apertura de caixa de ensanche dos espazos previstos para os itinerarios proxectados, así como o desbroce de restantes terreos integrados no ámbito de intervención. Tamén se executarán os movementos de térreo para a preparación de explanada.
Saneamento de residuais e pluviais: Procederase á instalación da canalización para o saneamento de residuais e pluviais, ata o enganche previsto coa rede existente prevista na rúa Cardenal.
Abastecemento de auga: Distribución xeral en tubaxe de polietileno de alta densidade e secundaria para zonas verdes, colocación de valvulería de fundición, arquetas de formigón e 2 bocas de rego. Entronque da rede proxectada á xa existente instalada na rúa Cardeal.
Enerxía: Distribución xeral de electricidade en canalización soterrada e distribución secundaria de servicio a zonas verdes en canalización soterrada.
Tamén se fará unha reposición completa de danos en instalación de enerxía existente, incluídos medios auxiliares e material de reparación. Conexión coa rede existente da Rúa Cardenal.
Alumeado: Distribución xeral en canalización soterrada e recuperación de pozos de alumeado existentes conservables. Neste caso proxectamos 3 tipos de elementos de iluminación:
- Luminaria viaria con columna troncocónica de 6 m de altura con cimentación, 1 lámpada LED de 80 W e 11.500 lm.
- Luminaria viaria con columna troncocónica de 6 a 8 m de altura con cimentación, con 2 proxectores/columna LED de 150 W 22.500 lm.
- En vaso rebaixado no testeiro oeste, proxectores empotrados no chan con acabado RAD LED 9 W.
Tamén se prevé a reinstalación da columna de iluminación existente e a reparación de luminarias empotradas no murete do paseo do río.
Telecomunicacións: Instalación de rede de tecomunicacións para 4 conductos de TPC que se conectará á rede instalada baixo beirarrúa na rúa Cardenal.
Gas: Canalizacións en polietileno baixo itinerarios vehiculares, con entronque baixo beirarrúa coa rúa Cardenal.
Pavimentos: Na ampla extensión desta actuación, intervirase con pavimento de baldosa de granito de dimensións 100x50x8 cm, con acabado abuxardado, clase de resbalicidade nº 3, colocada sobre asento de formigón e base de zahorra.
No vaso rebaixado do testeiro oeste se prevé pavimento de baldosa de granito, de dimensións 100x50x8 cm, acabado abuxardado, clase de resbalicidade 3, colocado sobre asento de formigón.
No eixo de itinerario vehicular instalarase un pavimento de baldosa de granito, de dimensións 60-100x40x6 cm, acabado abuxardado, clase de resbalicidade nº3, colocado sobre asento de formigón e base de zahorra.
Na intradós do bordillo remontable rebaixado no testeiro oeste, instaranse pezas de adoquín prefabricado de formigón bicapa en color, de forma rectangular de 20x10x8 cm, colocado sobre asento de formigón e base de zahorra.
Os límites da zona pavimentada en baldosa de granito con zonas verdes, farase a través de bordillo recto de granito piconado, de 10x20 cm colocado sobre soleira de formigón.
Prevese o reemprazo das baldosas deterioradas en granito 60x40x3 cm no paseo do río e aproximación formigonada da nova plataforma proxectada con espazo actual de emprazamento de contedores e a rampa de acceso a almacén de garda de bens vinculados á práctica do piragüismo.
Xardinería e rego: Emprazamento de térreo vexetal en zona axardinada, con sementado de céspede e rego por aspersión.
Instalación de alcorques de dimensións 120x120x20 cm, para plantación de especie arbórea Lagerstroemia indica, de porte medio-alto.
Sinaléctica e mobiliario: Colocación de papeleiras de 65 litros de capacidade.
Reinstalación panel informativo existente.
Colocación de bancos de madeira 1800x800x710 mm, de soportes en fundición.
Valado e bolardos: Prevese o valado coa vía pública das fincas de resultado de carácter provisional. Con este valado pretendemos unicamente perimetralizar o espazo privado, co que non substitúe nin reempraza ó cerramento que, en aplicación da normativa municipal, resulta esixible en ditas fincas, e que deberá, en todo caso, ser instalado polos titulares des mesmas.
Executarase con folla inferior de bloques e folla superior de malla de aceiro galvanizado plastificada en color negro ou verde de altura 1,50 m, fixada a mástiles metálicos cada 5 m. e prevense portas de acceso a predios, con igual solución que o cerramento lineal.
“En resumo, subliñou o Alcalde, estou convencido de que a Zona D resultará moi ben acollida polos veciños e veciñas de Monforte, tendo en conta a excelente experiencia vivida coa “Zona C” e dada a importancia da zona afectada, a pesar de que o ámbito de actuación é mais reducido”.
“Este proxecto vai a seguir cambiando a fisionomía da cidade de Monforte, tal e como fixo a Zona C, poñendo en valor unha zona que estaba abandonada e que dende o punto de vista da mellora urbana, supón un salto cualitativo moi importante, porque con proxectos coma este, Monforte, vai seguir avanzando, converténdose nunha cidade moderna e atractiva”.