Monforte de Lemos, 14 de outubro de 2024. O Alcalde de Monforte, José Tomé Roca, presidiu hoxe luns a toma de posesión coma funcionarios de carreira de dous novos policías municipais da cidade do Cabe, que pasan a pertencer ó cadro de persoal do Concello de Monforte de Lemos.
Os dous novos axentes da Policía Local de Monforte son César Otero Teira, natural de A Coruña e Martín Vázquez López, natural de Lugo. Deste xeito, xa ocupan a súa praza no Concello de Monforte, encadradas na escala de Administración Especial, escala básica, na categoría de axente de Policía Local, grupo C1.
Os dous novos axentes incorpóranse hoxe ó traballo dentro da Policía Local, logo de ter superado o correspondente proceso formativo na Academia Galega de Seguridade Pública, que iniciaron o 1 de febreiro e que remataron o 9 de outubro do presente ano 2024.
Acompañado pola 1ª Tenente de Alcalde, Gloria Prada, o Secretario do Concello, José Mourelle Cillero, e o Inspector xefe da Policía Local, Miguel Martínez, o Alcalde aproveitou tamén este acto de toma de posesión para departir cos dous novos axentes sobre o funcionamento do corpo da Policía Local e outros aspectos relacionados coas súas funcións na cidade e no conxunto do Concello. E tamén lles desexou moita sorte nesta nova etapa que comezan ó servizo dos cidadáns de Monforte.