O Alcalde recibe a alumnos e alumnas de 2º de Primaria do Colexio dos Pais Escolapios, que se interesaron polo funcionamento do Concello e a labor do rexedor municipal

Monforte de Lemos, 7 de novembro de 2024. O Alcalde de Monforte, José Tomé Roca, recibiu onte 6 de novembro na Casa do Concello 48 alumnos e alumnas do 2º curso de Primaria (7-8 anos) do Colexio dos Pais Escolapios de Monforte, que acudiron co obxectivo de coñecer estas instalacións municipais e o seu funcionamento.

Acompañados por 2 profesoras, Mónica e Alicia, os 48 alumnos e alumnas deste centro educativo monfortino foron recibidos polo Alcalde no Salón de Plenos, onde lles explicou o funcionamento do Concello, e sobre todo o relacionado con como é o desenvolvemento dos Plenos da Corporación municipal en dito salón.

Os estudantes tamén aproveitaron a ocasión para preguntarlle ó Alcalde sobre como desenvolve o seu día a día á fronte do Concello, sobre cantas persoas traballan no mesmo ou sobre os servizos que se prestan dende o Concello ós cidadáns.

O Alcalde, tamén lles explicou a condición de cidade condal que posúe Monforte, ou como se desenvolven unhas eleccións para a elección dun goberno municipal.

Os alumnos do colexio monfortino tamén aproveitaron para facer unha foto de familia co rexedor municipal na fachada principal do Concello.