Monforte de Lemos, 11 de decembro de 2024. O Alcalde de Monforte, José Tomé Roca, recibiu na mañá de hoxe Casa do Concello a 80 veciños e veciñas do Concello de Lugo, dentro do programa de actos incluídos na visita turística á cidade do Cabe.
O Alcalde estivo acompañado pola Tenente de Alcalde, Gloria Prada, e pola Concelleira de Benestar Social e Maiores do Concello de Lugo, Olga López Racamonde, quen agradeceu ó rexedor monfortino toda a colaboración para organizar e desenvolver esta visita turística a cidade.
A recepción do Alcalde tivo lugar no Salón de Plenos, onde lles deu a benvida e lles fixo unha descrición dos principais atractivos turísticos da cidade, como os Escolapios, o Conxunto Monumental de San Vicente, o casco histórico ou a rede museística, sen esquecer a importancia da paisaxe e da viticultura heroica da Ribeira Sacra. Tamén reivindicou os produtos gastronómicos de calidade e os viños da D.O. Ribeira Sacra.
Logo da recepción oficial, o Concello agasallou ós visitantes coa bolsa institucional do Concello, así como un plano e guía oficiais da cidade.
O acto concluíu coa realización dunha foto de familia co rexedor municipal na fachada principal do Concello.
A continuación o programa previsto de visitas inclúe a Ponte Vella, a Oficina municipal de Atención ó Peregrino, a Oficina municipal de Turismo, o Museo do Viño, así como as principais rúas do casco histórico. No Centro do Viño, degustarán un viño da D.O. Ribeira Sacra, e posteriormente acudirán a visitar o Conxunto monumental de San Vicente.
Tras a comida que levarán a cabo nun restaurante monfortino, pola tarde está prevista a visita ó Museo do Ferrocarril de Galicia.
Está é unha acción organizada polos Concellos de Monforte de Lemos e Lugo, cuxo obxectivo é dar a coñecer e difundir a riqueza paisaxística, monumental e gastronómica de Monforte como capital da Ribeira Sacra.