Monforte de Lemos, 20 de xuño de 2024. O Alcalde de Monforte, José Tomé Roca, recolleu na tarde de onte mércores 19 de xuño en Madrid o premio Vasoira de Platino 2024, outorgado pola Asociación Técnica para la Gestión de Residuos, Aseo Urbano y Medio Ambiente (ATEGRUS) no marco da Feira TECMA, Feria Internacional de Urbanismo y Medio Ambiente, que se celebra en IFEMA do 14 ó 16 de xuño.
A cidade de Monforte de Lemos recibiu un galardón que se lle concede ás cidades que apoian, premian e difunden o bo saber facer da xestión dos residuos e da limpeza urbana, así como pola elaboración de proxectos e polo desenvolvemento de tecnoloxías que permitan unha xestión sostible do medio ambiente.
O Alcalde salienta que “este galardón supón a culminación do traballo ben feito cando no ano 2023 iniciamos o programa de implantación da recollida de lixo orgánico no Concello de Monforte, sendo un dos primeiros concellos da provincia de Lugo en facelo”.
Este premio foi outorgado ó Concello monfortino, tal e como indicaron os responsables de ATEGRUS “polo seu plan de xestión de materia orgánica adaptado ás necesidades dos cidadáns. No ámbito urbano mediante sistema de cubeo, porta a porta, no periurbano a través de contedores con peche de chave e na zona rural entregando composteiros individuais para que, unha vez formados, produzan o seu propio compost.”
O certame celébrase desde 1987, cando foi convocado pola UE no Ano Europeo do Medio Ambiente. Monforte xa recibiu previamente a Vasoira de prata, a Vasoira de Ouro, e en 2020 (que se concedeu pero que non se puido recoller por mor da pandemia da Covid-19) e 2022, a Vasoira de Platino, a cal volveu a acadar neste ano 2024.
Por outra banda, o Concello monfortino conta, nos días nos que se está a desenvolver TECMA, cun stand propio dende o que se da a coñecer ós visitantes as actividades que en materia medioambiental ven desenvolvendo o Equipo de Goberno monfortino ó longo dos últimos anos, e en especial a desenvolta arredor da recollida da materia orgánica.
EXCEPCIONAIS DATOS DE RECOLLIDA DE MATERIA ORGÁNICA EN MONFORTE
Na consecución da que é unha nova Vasoira de Platino para o Concello de Monforte, teñen moito que ver os actuais datos de recollida de materia orgánica que está acadando o Concello. Neste senso, José Tomé indicou que “estamos levando á planta de San Cibrao das Viñas de media 25.000 quilos ó mes, e tendo en conta que non hai servizo de recollida os domingos, son 1.000 quilos diarios de media os que os monfortinos e monfortinas depositan nos colectores que habilitamos especificamente para elo”.
O Alcalde salientou igualmente que “somos a cidade que máis recolle, dado que nestes momentos se recolle o mesmo volume de materia orgánica en Monforte como no resto da provincia de Lugo e Ourense xuntas”. Cabe recordar que en Lugo cidade aínda non se iniciou a recollida selectiva deste tipo de residuo e no norte da provincia, solo está implantado este sistema de recollida en Burela e Viveiro.
“Este premio e estes excepcionais datos no que se refire á recollida de residuos orgánicos”, subliñou José Tomé, “hai que agradecerllos os nosos veciños e veciñas, xa que grazas á súa colaboración podemos dicir que somos unha das cidades que máis está recollendo de xeito selectivo a materia orgánica”.
Neste senso, o Alcalde salienta que estes datos de recollida so atinxen ó que depositan as familias nos colectores de orgánica, xa que ata o mes de setembro non está previsto que se sume a hostalería a este plan de recollida.
MÁIS DE MEDIO MILLÓN DE EUROS PARA O PLAN MUNICIPAL DE XESTIÓN DOS RESIDUOS DE ORIXE ORGÁNICA
Durante ano 2023, o Equipo de Goberno foi desenvolvendo o Plan de Xestión da materia orgánica do Concello de Monforte, para o que destinou arredor de medio millón de euros.
O Plan contou con dúas liñas de actuación, unha que achega unha solución para a zona urbana e outra, que contempla un servizo para todas as vivendas que contan con parcelas e hortas, tanto no centro urbano como nas diferentes parroquias do Concello.
O Plan engloba a todos os veciños censados na cidade e a grandes produtores, como son supermercados, restaurantes, centros de saúde, residencias, o Hospital Comarcal ou outros organismos que xeren grandes cantidades deste tipo de residuos orgánicos.
Na ZONA RURAL e en vivendas urbanas con finca, o Plan foi implantado coa entrega a aquelas persoas que o solicitaron, de 253 composteiros de 300 litros, co seu kit de compostaxe, que incluíu un folleto informativo e un caldeiro de 40 litros para a recollida da materia orgánica.
A outra liña de actuación, que supón a recollida de biorresiduos na zona urbana, conta cun camión de recollida exclusiva novo, con máis de 900 colectores de diferentes tamaños e capacidades, unha trituradora de residuos vexetais, 2.750 chaves de apertura de colectores periurbanos, e 2.500 caldeiros de 40 litros para a recollida dos residuos nos fogares.
Na zona urbana, a recollida faise a través de 3 tipos de actuacións:
- Recollida no NÚCLEO URBANO, implementando un servizo adicional de colocación de cubos ó que actualmente existe, o do cubeo da fracción resto. Os cubos para a recollida da materia orgánica, que son de color marrón, colocaranse ó lado dos da fracción resto e recóllense en días alternos. Para elo, dende o Equipo de Goberno dividiuse a cidade en dúas zonas, de forma que a colocación dos colectores marróns realizarase en días alternos, cunha frecuencia de 3 días á semana en cada zona.
Para establecer estas dúas zonas de recollida, tomouse como referencia a avenida de Galicia e a rúa Chantada. Deste xeito, a Zona 1 engloba áreas da zona sur da cidade, como Casco Histórico e zona centro, rúa Ourense, Carude, Estrela, Molinos de Antero, Zapardiel, Corredoira, Campo de San Antonio, Paseo do Malecón, etc.
A Zona 2 vai dende estas dúas vías de comunicación, a avenida de Galicia e a rúa Chantada, cara ó noroeste, englobando o barrio da Estación, zona da Florida, o Morín, Rioseco, Juan Montes, Benito Vicetto, estrada de Quiroga, Malvarón, o Barrio do Hospital, Santa Clara, Calvo Sotelo, Valle de Lemos.
A Zona 1 recóllese os luns, mércores e venres, mentres que a Zona 2 recóllese os martes, xoves e sábados. Si a demanda fose elevada, incrementarase o servizo, en función das necesidades.
Colócanse uns 265 contedores marróns cada día. Son cubos de 100 litros, e o Concello conta cun total de 660 unidades para esta parte do servizo.
- Recollida na ZONA PERIURBANA, a través de colectores con pechadura, para o cal é necesario solicitar unha chave. A recollida nesta zona lévase a cabo en 19 puntos, nos que o Concello instalou 22 contedores de carga traseira de 360 litros con pechadura, é dicir, ábrense cunha chave, para evitar cheiros ou que animais poidan acceder ós restos depositados. Son contedores destinados a cubrir as zonas ás que non chega o sistema de cubeo urbano. En total o Equipo de Goberno adquiriu con 66 contedores deste tipo, que se irán ubicando segundo as necesidades do servizo.
- Recollida a GRANDES PRODUTORES, que son centros de saúde, residencias, supermercados e locais hostalería, tamén con contedores de diferentes tamaños.
Están a participar 43 grandes produtores, e para eles, o Concello destinou contedores de diferentes tamaños, en función das necesidades que teñen, tanto espaciais como de volume de residuos xerados. Neste senso, cóntanse con 33 contedores 240 litros, 64 unidades de 360 litros e 33 contedores de 800 litros.
Ós veciños que participan neste programa, ademais da chave para poder facer uso dos contedores da zona periurbana, o Concello tamén lles proporciona un folleto informativo coas claves para facer axeitadamente a separación deste tipo de residuos, e un caldeiro de 40 litros para que leven a cabo esa recollida nas súas casas, e o correspondente traslado dos residuos ata o contedor habilitado.
CAMPAÑAS INFORMATIVAS
Para esta campaña, o Equipo de Goberno deseñou e imprimiu de 8.000 folletos informativos, dos cales foron enviados 5.000 ós fogares monfortinos mediante buzoneo, dentro dunha campaña de difusión que foi iniciada en 2023 e que ten continuidade neste ano 2024.
Ademais, leváronse a cabo diferentes accións en rúa mediante carpas informativas situadas nas principais zonas da cidade, e dicersas campañas informativas e formativas, que inclúen anuncios na prensa escrita e dixital, campañas de cuñas en radio, reparto de folletos informativos, incluíndo o envío ós fogares, e charlas formativas nos diferentes centros educativos da cidade.
A fin de comprobar si os residuos depositados no contedor marrón son os axeitados, levaranse a cabo, ó longo do ano 2024, en 50 puntos, 52 caracterizacións en cada un deles, é dicir 52 análises dos residuos depositados, é dicir, un total de 2.600 análises ó longo do ano, para ver a evolución da implantación deste contedor marrón.
O Alcalde recordou que neste colector poden depositarse restos de froita e verdura, restos de carne e peixe, cunchas de marisco ou froitos secos, restos de pan, restos de café e infusións, papel de cociña, restos de plantas, tapóns de cortiza, etc.
E que non pode depositarse, comida envasada, cueiros, compresas, bastonciños de algodón, cabichas e paquetes de tabaco, cápsulas de café, roupa, papel de aluminio, plásticos e envases, cabelos, etc.
“Desde o Equipo de Gobierno deste Concello de Monforte, apostamos decididamente pola conservación do Medio Ambiente e por dar a coñecer ós nosos veciños e veciñas as claves para xestionar adecuadamente os residuos que xeramos nos nosos fogares”, salientou José Tomé. “A nosa pretensión é reducir a xeración de residuos, posto que a fracción orgánica, constitúe case a metade do contido da nosa bolsa de lixo”.