Monforte de Lemos, 5 de xaneiro de 2024. O Alcalde de Monforte, José Tomé Roca, acompañado por diversos membros do Equipo de Goberno e da Corporación municipal, recibiu na Estación do tren ás Súas Maxestades os Reis Magos, que como cada 5 de xaneiro volveron visitar Monforte para facer realidade as ilusións de nenos e nenas da cidade.
Na recepción oficial do Alcalde no andén da Estación de tren tivo lugar a actuación do Grupo de Gaitas do Concello monfortino.
A Comitiva Real estivo integrada por catro carrozas, unha coa Estrela de Nadal e 3 para os Reis Magos e seus paxes. Os paxes foron alumnos de sexto de primaria dos centros de ensino da cidade. Ademais na comitiva tamén participaron o Grupo de Gaitas do Concello, así coma outros grupos musicais e decorativos, con formas de animais.
A Comitiva Real partiu dende a Praza da Estación, e percorreu as rúas de Calvo Sotelo, Roberto Baamonde, Cardeal e a Avenida de Galicia (Ponte Novo), finalizando no Campo de Santo Antonio ante a Casa do Concello.
Na praza do Campo de San Antonio foron recibidos novamente polo Alcalde e membros da Corporación municipal. De seguido, dende o balcón da Casa Consistorial, deron lectura ó Discurso real e repartiron caramelos entre os asistentes congregados na praza.
Finalmente, nas escaleiras do vestíbulo do Concello, os Reis Magos recibiron ós nenos e nenas que quixeron coñecelos e levar un recordo da súa visita.
“Coa chegada dos Reis Magos a Monforte, e co apagado, o vindeiro domingo 7 de xaneiro, do alumeado navideño do Concello, daremos por finalizado o completo programa de actividades de Nadal que dende o Equipo de Goberno desenvolvemos este ano en Monforte, e que resultou todo un éxito de participación”, destacou o Alcalde.