Monforte de Lemos, 29 de maio de 2024. O Alcalde de Monforte e Presidente da Deputación de Lugo, José Tomé Roca, abriu este mércores no Centro Cívico de Monforte de Lemos a conferencia Envellecer de forma activa, enmarcada no programa Xunt@s que a institución provincial está desenvolvendo pola provincia dende principios de ano. Unha charla á que asistiu numeroso público, e que foi impartida por Laureano Negrón Blanco, xerontólogo no HULA.
José Tomé deu a benvida aos participantes e destacou o nivel da conferenciante, cunha ampla experiencia no ámbito do envellecemento activo e saudable. “O programa Xunt@s quere servir de altofalante para que o traballo que fan persoas como Laureano Negrón chegue a máis sectores da sociedade e nos axude a asumir hábitos, de conduta e de actitude, que favorezan o envellecemento saudable, tanto no eido físico, como no que respecta á saúde mental, á que cada vez temos que prestar maior atención”, subliñou.
“Hoxe vivimos máis tempo, e debemos procurar que ese tempo teña sempre calidade de vida. Con este obxectivo traballamos cada día dende o Concello de Monforte, e tamén dende a Deputación de Lugo, para proporcionar servizos públicos de calidade que favorecen o benestar das persoas. Como se adoita dicir: darlle anos á vida e vida aos anos”. Neste obxectivo, recalcou Tomé, “é imprescindible apostar por unha sanidade pública, gratuíta, de calidade e verdadeiramente universal. Unha sanidade que chegue por igual a todos e todas os veciños, vivan no urbano ou no rural, porque, se os centros de saúde ou os hospitais non teñen o cadro de persoal co que foron pensados, sofre a saúde das persoas e sofre o persoal sanitario, obrigado a traballar de máis”.
O mandatario provincial resaltou o balance positivo que está a ter o programa que impulsa a institución provincial, que chegará a 25 concellos lucenses ata xuño: “a saúde, o acceso á información e á formación, ou a unha oferta de ocio de primeiro nivel son dereitos de todos os veciños e veciñas, con independencia da súa idade e do lugar no que residan”.
A Deputación destina un total de 91.000€ ao programa Xunt@s, que está organizado da man dos concellos. Consiste nunha serie de 125 xornadas temáticas gratuítas, que se celebrarán ata xuño por toda a provincia, e que teñen que ver coa saúde, co deporte ou coas novas tecnoloxías. Nesta ocasión, a xornada contou tamén coa colaboración do Concello de Monforte de Lemos.