O Alcalde pon en valor o avance das obras da nova comisaría da Policía Nacional, que será unha realidade para os veciños de Monforte en 2026

Monforte de Lemos, 18 de novembro de 2024. O Alcalde de Monforte, José Tomé Roca, supervisou na mañá de hoxe, xunto ó Delegado do Goberno en Galicia, Pedro Blanco,  e o xefe superior da Policía Nacional de Galicia, Pedro Jesús Pacheco, as obras da nova comisaría da Policía Nacional de Monforte.

Tamén asistiron a subdelegada do Goberno en Lugo, Isabel Rodríguez, a Tenente de Alcalde, Gloria Prada, o Concelleiro de Obras e Servizos, José Luís Losada, o Comisario xefe da Policía Nacional na provincia de Lugo, José Luis Romera, e o Xefe accidental da Policía Nacional de Monforte, Celso Dacal.

Na súa intervención ante os medios de comunicación, José Tomé amosou a súa satisfacción “xa están en marcha as obras para que a nova Comisaría da Policía Nacional de Monforte conte cunhas instalacións, modernas, funcionais, sostibles e ó servizo dos veciños e das veciñas da cidade, en definitiva, que conte cunha sede propia, que estou seguro de que afianzará a presencia da Policía Nacional no noso concello e ademais Monforte conta cunha nova dotación. Así que estamos todos de noraboa, todos os veciños e veciñas de Monforte.”

Cabe resaltar que para satisfacer as necesidades do Corpo Nacional de Policía no municipio, o Concello de Monforte cedeu gratuitamente un edificio, así como a parcela que o alberga, para a súa reforma e utilización como Comisaría de Policía. O edificio está situado na Avenida de Galicia, número 73-77, cunha superficie construída de 1.822 m2 e situado nunha parcela cunha superficie de 2.282 m2, coñecido como a “antiga Casa de Socorro”.

Por iso, que a antiga casa de Socorro albergue as novas instalacións desta comisaría, é un logro que é froito do empeño do Alcalde, José Tomé Roca, que dende o principio do seu mandato traballou e fixo as xestións necesarias para que a nova Comisaría de Policía se instalaseneste antigo edificio sanitario da cidade. Neste senso, recordou José Tomé, que “levábase en Monforte 40 anos falando da situación da nova Comisaría, que chegou a ter ata 3 posibles ubicaciós, pero humildemente foi este Alcalde quen traballou para acadar a ubicación actual, na que vemos que as obra avanzan a bo ritmo, e que se prevé que rematen a finais de 2025, co que a nova Comisaría estará operativa a principios de 2026.”

Neste senso, o Delegado do Goberno e o Xefe Superior da Policía Nacional agradeceron as xestións do Alcalde de Monforte na consecución da nova comisaría da policía nacional en Monforte, e salientaron que cedera tanto o edificio como a parcela que albergará as novas instalacións.

Con esta infraestrutura, e grazas á axilidade do Ministerio á hora de iniciar as obras, respondemos a unha vella demanda dos monfortinos. Unha demanda que non sería realidade sen a implicación do Alcalde e a colaboración do Concello de Monforte, cedendo gratuitamente os terreos e o edificio para construír esta dotación”, indicou o Delegado.

 

Antecedentes

A comisaría local do Corpo Nacional de Policía de Monforte de Lemos (Lugo) atópase desde o ano 1998 nun antigo inmoble de vivendas en réxime de alugueiro situado na confluencia da rúa Miguel de Cervantes 1 e Avenida de Galicia 93, nun bloque de 4 alturas con 700 m2 de superficie construída e sen garaxe, tras o traslado forzoso desde a súa antiga localización como consecuencia da súa declaración de ruína.

O Corpo Nacional de Policía ten a necesidade de contar cunhas instalacións que aloxen os servizos, medios persoais e medios materiais no seu despregamento territorial na localidade de Monforte de Lemos (Lugo).

A carga onerosa resultante do arrendamento do edificio, as obsolescencias dos seus equipamentos e instalacións, así como as deficiencias funcionais e espaciais dos lugares onde na actualidade se viña prestando o servizo policial, requiren a adopción de novas solucións que garantan a operatividade e melloren a calidade do servizo público encomendado.

 

Solución

Para satisfacer as necesidades do Corpo Nacional de Policía no municipio, o Concello de Monforte cedeu gratuitamente un edificio para a súa reforma e utilización como Comisaría de Policía, situado na Avenida de Galicia, número 73-77 desa localidade, cunha superficie construída de 1.822 m2 situado nunha parcela cunha superficie de 2.282 m2.

Este inmoble coñecido como a “antiga Casa de Socorro” permite satisfacer as necesidades operativas e loxísticas dunha comisaría local, sendo a súa localización céntrica e próxima á sede actual. O edificio está composto por un semisótano, unha planta baixa, unha planta alta e unha planta baixo cuberta.

A antiga Casa de Socorro incorporouse en abril de 2024 ao rexistro de propiedades do Estado, previo acordo de cesión por parte do Concello de Monforte. Concluíu así o proceso iniciado polo goberno de José Tomé no ano 2015 ó solicitar á Consellería de Sanidade da Xunta de Galicia a reversión desa propiedade, na que xa só funcionaba ata a unidade de drogodependencias.

 

Situación actual

A licitación do proxecto fíxose en decembro do 2023 por un prezo de saída e 4.695.510 euros. Ao concurso para a reforma da antiga casa de socorro da avenida de Galicia presentáronse 11 ofertas.

O Ministerio do Interior formalizou o contrato das obras da nova Comisaría de Policía de Monforte en xuño do 2024 coa empresa Ogmios Proxecto.

Ademais, o Ministerio de Interior formaliza a dirección técnica das obras o 1 de xuño de 2024 coa firma Unspyra Servicios Técnicos, por valor de 140.000 euros.

O prazo de execución é de 13 meses e a adxudicación realízase por un importe de 3.672.350 euros.

Polo tanto, a reconversión da antiga Casa de Socorro no edificio da nova Comisaría de Policía Nacional de Monforte ten un custo total de 4 millóns de euros.

No mes de maio de 2022, o Goberno de José Tomé concedera a licencia de obra para iniciar os traballos de construción da nova Comisaría da Policía Nacional en Monforte, logo do informe favorable que os técnicos municipais levaron a cabo sobre o proxecto da nova comisaría presentado pola Dirección Xeral da Policía Nacional.

 

Obras a executar

Despois dun estudo pormenorizado da situación desta antiga Casa de Socorro, e atendendo ás necesidades da nova Comisaría da Policía Nacional para levar a cabo a reforma da mesma, optouse pola seguinte distribución:

-Planta Soto: Situaranse nesta planta dúas zonas claramente diferenciadas: unha Área de detención, situada no espazo existente de soto ao redor do patio interior nº 2 e unha Galería de tiro, proxectada nunha nova zona dentro da parcela e cuxa cuberta se aproveitará como zona de aparcamento exterior.

-Planta Baixa: Nesta planta situaranse as Oficinas de atención ao público: Expedición de DNI-pasaporte, oficina de denuncias e atención ao cidadán; e o Grupo de seguridade cidadá.

-Planta Primeira: Recolleranse nesta planta as zonas máis privadas da comisaría: Xefatura de comisaría; Grupo operativo local; Grupo local de información (SITEL); Grupo local de policía científica; e vestiarios, así como aseos masculinos e femininos.

-Planta Baixo Cuberta: Esta zona recolle os usos máis privados da nova comisaría: vivenda e salas técnicas.

A reforma contempla ademais a implantación no patio interior nº 2 dunha nova escaleira, que comunicará as plantas soto, baixa e primeira, resolvendo a evacuación en caso de incendios; e un ascensor, que comunicará todas as plantas do edificio, permitindo resolver a accesibilidade do mesmo.

Tamén se prevé o reforzo do forxado de teito da planta soto e a reconstrución completa do taboleiro de cuberta.

Finalmente, no proxecto contémplase a urbanización da zona de aparcamento, situada sobre a cuberta da galería de tiro. Neste sentido, a dotación de aparcamentos correspondente a calquera ordenanza con uso residencial, industrial ou dotacional, debendo cumprir cunha serie de condicións tales como que as prazas deberán ter unha superficie rectangular mínima de 2,20x4,50 m., cunha superficie de aparcamento non inferior a 20 m2; se o número total de prazas é igual ou superior a 50, deberá contar cun 2% como mínimo para usuarios con discapacidade e cunha superficie por praza de 3,30x4,50 m.