O Concello de Monforte conmemora o 25 N, Día Internacional da Eliminación da Violencia contra as Mulleres baixo o lema “Monforte en negro contra as violencias”

Monforte de Lemos, 25 de novembro de 2024. O Concello de Monforte de Lemos conmemorou hoxe o 25 de Novembro, Día Internacional da Eliminación da Violencia contra as Mulleres, dentro da campaña de sensibilización baixo o lema “Monforte en negro contra as violencias”, organizada pola Concellería de Muller e Igualdade organiza, a través do Centro de Información á Muller (CIM).

Ás 12:00 do mediodía, a Concentración convocada na Praza do Concello encheuse de cidadáns, alumnos e alumnas de primaria, así coma profesores e profesoras, dos diferentes centros educativos da cidade, así como persoal do Concello, que acompañaron a gran parte da Corporación municipal, en concreto, o Alcalde de Monforte, José Tomé Roca, a Concelleira de Muller e Igualdade, Margarita López, a Tenente de Alcalde, Gloria Prada, os Concelleiros de Obras, José Luís Losada, Deportes, José Manuel Mougán, Tecnoloxía e Innovación, Guillermo Díaz, Consumo, Regina López, así como diversos membros da Corporación Municipal monfortina.

En primeiro lugar, procedeuse á lectura dun Manifesto contra a violencia contra as mulleres a  cargo da Concelleira de Muller e Igualdade, Margarita López.

Tras ela, tivo lugar o desenvolvemento da Peza de Microteatro titulada “O que pasa na lareira queda na lareira” a cargo da artista Merche  Pérez.

Tras ela, diversos alumnos e alumnas leron palabras simbólicas, e posteriormente repartiuse entre o público asistente material de sensibilización.

 

Texto do Manifesto

Coma Loaira, son centos de mulleres que aínda hoxe sofren violencia só polo feito de que hai homes que se creen superiores e intentan demostrar a súa supremacía utilizando a violencia física, psicolóxica, sexual e de control.

Cando falamos de violencia de xénero falamos sempre de desigualdade, pero non todos eses feitos que xeran desigualdade entre homes e mulleres son violencia de xénero, pero si tódolos os actos de violencia machista teñen como base a desigualdade.

Non nos podemos esquecer que durante moitos anos a violencia de xénero foi un espazo que pertencía ao ámbito privado das familias e como consecuencia foi invisibilizada e silenciada durante moito tempo.

Nosa lembranza para esas 41 Loairas asasinadas este ano. Para eses 10 fillos que quedaron orfos e desamparados sen nai.

Dende aquí pedimos:

  • Igualdade
  • Corresponsabilidade
  • Unidade
  • Valentía
  • Formación
  • Emprego
  • Educación
  • Tolerancia cero

E como derradeiro Respecto sempre Respecto e por iso facemos un chamamento a toda a sociedade para loitar contra esta lacra, porque

NOSA VOZ E A SÚA LIBERDADE

Agora déixovos coa actriz Merche Pérez e a súa peza de microteatro, espero que vos guste. A súa protagonista é Loaira, que significa Raiola de sol entre a choiva e representa a esas mulleres que sofren en silencio o maltrato.

Moitas grazas polo voso compromiso.