O Alcalde ensalza á Luísa Villalta coma “defensora apaixonada da lingua e cultura galegas” na celebración do Día das Letras Galegas en Monforte

Monforte de Lemos, 17 de maio de 2024. O Concello de Monforte de Lemos, celebrou na mañá de hoxe a conmemoración do Día das Letras Galegas deste ano 2024, que está adicado a escritora e música,  Luísa Villalta Gómez.

Dentro da programación adicada a celebrar esta data tan significativa para a nosa comunidade, o Concello está a desenvolver un completo programa de actividades dende o 9 ata o 28 de maio.

Deste xeito, hoxe venres 17 de maio, a programación ideada arredor do Día das Letras Galegas incluíu a celebración do Festival Letras Galegas 2024 na Casa da Cultura Poeta Lois Pereiro áss 12:00 h.

O Festival abriu coa intervención institucional do Alcalde da cidade, José Tomé Roca, quen salientou a “prolífica obra de Luísa Villalta que abarca poesía, teatro, narrativa e ensaio, a través da cal foi unha defensora apaixonada da lingua e cultura galegas”.

O Alcalde salientou que “a súa obra non só é recoñecida pola súa beleza literaria, senón tamén polo seu profundo sentido de xustiza social e igualdade” e trasladou os motivos que fixeron que a Real Academia Galega escollera a esta escritora coruñesa para a homenaxe deste ano, entre os que destacou que “foi unha creadora dunha obra única e sólida que a converteu nunha das grandes figuras da literatura galega xurdida na segunda metade dos anos 80 e principios dos 90”.

Así mesmo, o rexedor monfortino subliñou que “Luísa Villalta mantén o pulso tenso da pescuda intelectual en cada acto de escrita cunha atenta interacción cos debates do seu tempo, que é tamén este. A coherencia da súa posición intelectual é un dos trazos significativos dunha personalidade literaria que se debuxa con matices propios e singulares no contexto da dúas últimas décadas do século XX e primeiros anos do XXI.”

Luísa Villalta naceu en A Coruña en 1957 e faleceu en 2004. Estudou Filoloxía Hispánica e Galego-Portuguesa na Universidade de Santiago de Compostela e tamén foi violinista, unha faceta que influíu moito na súa creación literaria.

Neste senso, José Tomé indicou que “na súa concepción literaria Luísa Villalta considera que a poesía é palabra melódica, polo que a música é motivo central dalgúns dos seus libros, tanto na temática como na estrutura dos mesmos”.

Por este motivo, que mellor que celebrar hoxe na honra de Luisa Villalta o festival musical que lle ofreceremos a continuación”, concluíu o rexedor monfortino, anunciando as actuacións da Asociación Cultural Amigos da Pandeireta de Monforte e da Coral Polifónica do Concello de Monforte de Lemos.

Pero antes de darlle paso a estas actuacións musicais, o Alcalde rescatou uns versos desta autora coruñesa, en concreto, do poema “Antiquísima” do libro “En Concreto”:

 

ESA son eu

rubindo unha e outra vez as escadas

dun mundo posíbel

separado sempre pola idade, a teima

e a vontade íntima de voar.

 

No acto, ademais do Alcalde tamén estiveron presentes a Tenente de Alcalde, Gloria Prada, o Concelleiro de Servizos, José Luis Losada, o Concelleiro de Deportes, José Manuel Mougán, a Concelleira de Consumo, Regina López e a Concelleira de Muller e Igualdade, Margarita López, así como outros membros da Corporación municipal e numeroso público.