O Concello de Monforte súmase ós actos do 8 de marzo “Día internacional da Muller” coa Concentración e lectura do Manifesto a cargo da Concelleira de Muller e Igualdade

Monforte de Lemos, 8 de marzo de 2024. O Concello de Monforte, desde a súa Concellería de Igualdade, e o Centro de Información á Muller (CIM) non son alleos á importancia que ano a ano adquiren as actividades que se organizan arredor do día 8 de marzo, día Internacional da Muller.

Deste xeito, na mañá de hoxe, tivo lugar a Concentración oficial polo “Día internacional da Muller” que se levou a cabo na Casa da Cultura, por mor das inclemencias do tempo, xa que inicialmente estaba prevista na praza de España.

O acto principiou coa lectura do Manifesto, que correu a cargo da Concelleira de Muller e Igualdade, Margarita López. Tamén estiveron presentes diversos membros do Equipo de Goberno: a 1ª Tenente de Alcalde, Gloria Prada, e os Concelleiros de Serevizos, José Luis Losada, Deportes, José Manuel Mougán, Consumo, Regina López e Tecnoloxía, Guillermo Díaz; así como da Corporación Municipal, as responsables do Centro de Información á Muller, alumnos, alumnas, profesores e profesoras dos centros educativos monfortinos, traballadores e traballadoras municipais, e veciños e veciñas de Monforte.

A continuación, desenvolveuse a Peza de Danza-Teatro que leva por título o Lema do 8M deste ano “Fiando na igualdade técese unha sociedade”, a cargo da artista monfortina Merche Pérez.

Ó rematar esta peza, a artista leu ante o público asistente o lema deste ano, e deu paso á participación no Acto do alumando de Educación Primaria dos Centros Educativos de Monforte que leron frases elaboradas e traballadas nas aulas e as penduraron nun tear composto pola rede que a artista utilizou no seu espectáculo. Este tear está ubicado, durante todo o mes, no vestíbulo da Casa do Concello, para que a cidadanía pendure nel as súas mensaxes arredor do 8M.

Ó longo deste acto o Concello repartiu pulseiras serigrafiadas con frases en prol da Igualdade e co lema deste ano.

Pola tarde, dende as 19:30 h. ata as 00:00 horas, está prevista a iluminación en cor malva e unha proxección dixital na Torre da Homenaxe co lema “Monforte pola Igualdade”, co obxectivo de impactar na poboación monfortina para que adquira conciencia e sensibilidade co motivo da conmemoración do 8M.

 

MANIFESTO DO CONCELLO DE MONFORTE 8 DE MARZO 2024, DÍA INTERNACIONAL DA MULLER

Como cada 8 de marzo conmemoramos o Día Internacional da Muller, para visibilizar ás mulleres e nenas de todo o mundo e tamén para reivindicar a importancia que temos as mulleres á hora de construír un futuro máis igual e sostible.

Estamos nunha sociedade na que non existe a igualdade de oportunidades para a muller. Tal e como expresa a ONU, “a igualdade de xénero é o maior desafío actual en materia de dereitos humanos”.

Por iso, debemos promover a igualdade de xénero tecendo unha sociedade na que os fíos garantan e fomenten o compromiso cos dereitos humanos das mulleres e das nenas, incluído o dereito á igualdade, a autonomía sobre os seus corpos e decisións, a eliminación de todas as formas de violencia e discriminación baseadas no xénero, a promoción de contornas seguras e respectuosas para mulleres e nenas, a eliminación da brecha salarial de xénero, a igualdade de oportunidades no acceso ao emprego, á saúde e a participación política.

Tamén é imprescindible fomentar os servizos de coidados desde o público, creando recursos como residencias, escolas infantís,..., porque sobre as mulleres adoita recaer o peso dos coidados, que en moitas ocasións provoca renunciar á nosa proxección laboral e profesional.

As consecuencias deste feito non só se miden en termos de renda presente senón que tamén condicionan as pensións futuras.

Temos o reto de construír unha sociedade máis xusta e igualitaria.

O feminismo está cambiándoo todo, somos un tornado que se nutre do alento das mulleres que foron, enche os pulmóns das mulleres que somos e solta unha bocanada de aire fresco cara o futuro das mulleres que están por vir.

Por iso, entre todas e todos, cada día temos que seguir dando pasos cara adiante, porque fiando na igualdade técese unha sociedade.

Margarita López Rodríguez

Concelleira de Muller e Igualdade de Monforte de Lemos