Monforte de Lemos, 2 de setembro de 2024. O Alcalde de Monforte, José Tomé Roca, recorda que tal e como está previsto no programa do Verán Cultural do Concello, mañá martes 3 de setembro, continuarán as actuacións correspondentes á terceira edición do Ciclo de Concertos de Grupos Monfortinos.
Este ciclo foi unha das principais novidades do Programa de Verán de 2022, e tivo continuidade en 2023 e “dado o éxito acadado, volvemos a incluílo na nosa programación de verán de 2024, apostando decididamente por darlle protagonismo á actuacións de grupos monfortinos. Tan é así o éxito acadado, que se constituíron nestes tempos novos grupos de músicos locais”, subliña o Alcalde.
Neste senso, o ciclo é “unha aposta decidida do Concello por dar visibilidade e poñer en valor ós nosos grupos musicais, que ademais contarán cunha boa produción para que as súas composicións soen coa calidade profesional que merecen”.
O ciclo deu comezo o pasado 19 de agosto e nel participan 13 grupos monfortinos que deselvolveron as súas actuacións musicais na Praza da Compañía, na Praza da Estación e na Praza de España.
Os grupos monfortinos protagonistas das dúas últimas xornadas deste ciclo serán:
- Martes 3 de setembro: Deloreans (22:30 h) e El Tarot de Toth (00:00 h), na Praza de España.
- E mércores 4 de setembro: Entrecordas (22:30 h), Cerodouscero (23:45 h) e Los Jinetes del Trópico (01:00 h), na Praza da Estación.
Este ciclo de concertos é “unha aposta firme do Concello de Monforte polos grupos monfortinos, para dar a coñecer a súa creatividade e as súas propostas en diferentes estilos musicais tanto ós nosos veciños como ás persoas que nos visitan”, sinala o Alcalde. “En definitiva, o noso obxectivo é poñer en valor ós grupos musicais da cidade, incluíndoos no Programa do Verán Cultural, e dándolles así o recoñecemento que merecen”.