Monforte de Lemos, 12 de marzo de 2024. O Alcalde de Monforte, José Tomé Roca, informa do corte do tráfico do paso a nivel situado na rúa Escultor Francisco Moure, debido ás obras de mellora que o ADIF está a levar a cabo na vía férrea Monforte de Lemos-Ourense.
Segundo comunicaron os responsables de ADIF ó Concello, o corte producirase dende as 8 horas de mañá mércores 13 de marzo e ata as 8 horas do venres 22 de marzo.
Estes traballos enmárcanse no proxecto de renovación de vía na liña 810 Monforte de Lemos-Ourense, e dado que a execución dos citados traballos require de varios días para efectualos, é necesario levar a cabo o citado corte total do tráfico no paso a nivel existente na rúa Escultor Francisco Moure.
Estas obras forman parte do investimento de 550 millóns de euros que o Goberno de España destinou para modernizar a vía Ourense-Monforte de Lemos-Lugo.
Itinerario alternativo
O itinerario alternativo consecuencia do citado corte de tráfico será sinalizado a través de sinaléctica oficial a cargo da Policía Local e será o seguinte:
Os vehículos que transiten por Francisco Moure dende o centro, antes de chegar ó paso a nivel serán desviados á esquerda pola rúa Celso Emilio Ferreiro.
Aqueles vehículos que accedan provintes da LU-903 (estrada a Castro Caldelas), atoparán sinalizados dous desvíos alternativos.
Un no propio cruce da LU-903 co final de Francisco Moure, que sinala como itinerario alternativo pola rúa Benito Vicetto.
E outra sinalización de desvío alternativo á altura do Camiño da Chorima, que desviará o tráfico por este Camiño da Chorima cara a rotonda na N-120.
No propio paso a nivel, situaranse 2 sinais de prohibido o paso en cada un dos dous sentidos da circulación.
Do mesmo xeito, o Concello informará de novos cortes nos distintos pasos a nivel da cidade, unha vez que avancen estas obras de mellora na liña férrea e sexan comunicados polo ADIF.