Membros do Equipo de Goberno acoden ó espectáculo de humor de Alberte Montes na Casa da Cultura

Monforte de Lemos, 28 de decembro de 2024. A Tenente de Alcalde, Gloria Prada, as Concelleiras de Cultura, Marina Doutón, Muller e Igualdade, Margarita López, e o Concelleiro de Tecnoloxía e Innovación, Guillermo Díaz, acudiron onte pola noite, en representación do Alcalde, á Casa da Cultura, para presenciar o espectáculo de humor de Alberte Montes titulado “Patrón”.
Alberte Montes é actor e cómico. Formado no Estudi Nancy Tuñón i Jordi Oliver de Barcelona, segue ampliando os seus recursos actorais en distintos cursos de expresión corporal, voz, cásting, clown ou loita escénica.
En teatro acumula máis de quince anos como profesional, tendo xirado por España en compañía e con espectáculos propios de stand up comedy. Como cómico conta preto de 1.000 actuacións en directo e dous monólogos gravados para Central de Cómicos, programa de Comedy Central. Ten actuado xunto a cómicos coma Ignatius, Toni Moog ou Carlos Blanco. Colaborou en programas de humor como Buenas Noches y Buenafuente ou En el aire de El Terrat, e outros da TVG, entre os que destacan, Land Rober ou Luar. Na súa faceta de colaborador e reporteiro participou dos programas Los lunes al gol e Los Infiltrados ámbolos dous da canle Gol TV.
Como actor participou recentemente en Bird Box, película de Álex e David Pastor. Púidoselle ver tamén noutras como El olivo de Icíar Bollaín ou EC 4 de Jaume Balagueró.
Na Televisión de Galicia protagonizou as series de comedia Do dereito e do revés e Augasquentes. Interveu ademais en Vida perfecta ou Matar al padre, ámbalas dúas de Movistar+.
Actualmente forma parte do elenco de El Pueblo (Amazon/Telecinco) e foi un dos protagonistas de Fariña (Netflix/Antena3). É tamén guionista, director e locutor.