O Executivo de José Tomé destina 12.000€ en axudas para os clubs deportivos monfortinos que participen en campionatos de España, de Europa e mundiais

Monforte de Lemos, 23 de marzo de 2024. O Alcalde de Monforte, José Tomé Roca, informa que os clubs deportivos monfortinos poden solicitar xa as axudas pola participación en campionatos de España, de Europa e mundiais propios da súa modalidade deportiva.

Esta liña de axudas, que fora posta en marcha polo executivo de José Tomé en 2022, está dotada con 12.000 euros, “contribuíndo a que os clubs monfortinos poidan acudir ás distintas competicións nacionais e internacionais, así como aqueles clubs que xa participaron nalgunha destas competicións entre o 14 de outubro de 2023 e o 13 de outubro de 2024”.

“Somos conscientes do bo momento que vive o deporte monfortino, onde son varios os clubs que se clasifican para participar en campionatos de España, de Europa e mesmo do mundo, e conscientes tamén do esforzo económico que isto supón para os clubs implicados, dende o Equipo de Goberno mantemos dende 2022 esta liña de axudas dirixidas a sufragar gastos pola participación de clubs de Monforte nestes campionatos nacionais e internacionais”, subliñou o Alcalde

Trátase dunha liña de axudas que se concederá polo procedemento de concorrencia non competitiva ós clubs que cumpran co requisito de ter participado no Campionato de España, de Europa ou do mundo no ano 2022, sen necesidade de que as solicitudes se comparen entre elas, no período comprendido entre o 14 de outubro de 2023 e o 13 de outubro de 2024.

Deste xeito, este procedemento permite que ós clubs se lles conceda unha cantidade fixa en función dos campionatos nos que participe, e que o procedemento estea aberto durante case todo o ano.

“Esta convocatoria”, explica o Alcalde, “ten por finalidade o fomento e a promoción do deporte monfortino no seu ámbito deportivo e competitivo e para elo destinamos un crédito de 12.000 euros”.

As bases desta liña de axudas foi publicada no Boletín Oficial da Provincia de Lugo polo que o prazo de presentación de solicitudes está aberto e finalizará o 13 de outubro de 2024.

 

Contías establecidas

As contías establecidas son as seguintes:

-Modalidades deportivas de equipo (fútbol, voleibol, baloncesto, etc.):

  • Participación nun campionato de España: 1.000€.
  • Participación nun campionato de Europa organizado en España: 1.000€.
  • Participación nun campionato de Europa organizado fora de España: 1.500€.
  • Participación nun campionato do mundo organizado en España: 1.000€.
  • Participación nun campionato do mundo organizado fora de España            : 2.000€.

 

-Modalidades deportivas individuais (natación, piragüismo, etc.):

  • Participación nun campionato de España: 200€ por deportista ata un máximo de 1.000€.
  • Participación nun campionato de Europa organizado en España: 200€ por deportista ata un máximo de 1.000€.
  • Participación nun campionato de Europa organizado fora de España: 300€ por deportista ata un máximo de 1.500€.
  • Participación nun campionato do mundo organizado en España: 200€ por deportista ata un máximo de 1.000€.
  • Participación nun campionato do mundo organizado fora de España            : 400€ por deportista ata un máximo de 2.000€.

Os interesados poderán presentar ata tres solicitudes de subvención, sempre e cando sexan pola participación en campionatos de diferente ámbito xeográfico ou territorial (España, Europa, mundial). No caso de que un club participe en varios campionatos do mesmo ámbito xeográfico ou territorial, poderá presentar unha única solicitude.

 

Beneficiarios

Poderán solicitar as subvencións reguladas na presente convocatoria as asociacións e clubs deportivos legalmente constituídos, que estean inscritos no Rexistro Municipal de Asociacións Deportivas, que teñan a seu domicilio social no Concello de Monforte de Lemos e que cumpran, ademais dos sinalados no artigo 13 da Lei 38/2003, de 17 de novembro, Xeral de Subvencións, e no art. 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de Subvencións de Galicia, os seguintes requisitos:

  1. Carecer de ánimo de lucro.
  2. Non ser debedor co Concello por calquera tipo de débeda de dereito público (será comprobado de oficio pola administración).
  3. Non ser debedor coa facenda estatal ou autonómica e estar ao corrente das obrigas coa Seguridade Social.
  4. Non estar incurso en prohibición para obter a condición de beneficiario de subvención públicas.
  5. Ter xustificado debidamente as subvencións municipais recibidas con anterioridade nos termos que se fixasen nas correspondentes convocatorias.
  6. Ter participado ou participar, entre o 14 de outubro de 2023 e o 13 de outubro de 2024, ben polo club ou por deportistas integrantes do club que participen coas correspondentes seleccións de ámbito galego ou nacional, nalgún campionato de España, de Europa ou do mundo propio da modalidade deportiva.

 

O Alcalde conclúe destacando a importancia destas novas axudas “nunha cidade na que contamos cunha excepcional canteira de deportistas que destacan en moitas disciplinas e que sitúan a Monforte nun lugar elevado dentro da elite deportiva galega, nacional e internacional”.