Monforte de Lemos, 1 de setembro de 2024. O Concello de Monforte informa do éxito acadado, en canto a participación, das dúas visitas guiadas e gratuítas á zona de ámbito xudeu de Monforte, que tiveron lugar na xornada de hoxe domingo, ás 11:30 e ás 18:00 h. A xornada da mañá contou coa participación da concelleira de Cultura, Marina Doutón, e á da tarde, coa concelleira de Muller e Igualdade, Margarita López.
Do total de 100 prazas ofertadas (50 por quenda), finalmente foron un total de 120 inscritos (70 persoas na quenda da mañá e 50 na da tarde), que foron integrados en cada unha das visitas, dado que foron desenvoltas en zonas exteriores, sen problemas de aforo, e debido o enorme interese suscitado.
As visitas, que foron comentadas por Felipe Aira, enmárcase dentro das actividades arredor da Xornada Europea da Cultura Xudía, e intégranse dentro do programa do Verán Cultural organizado polo Equipo de Goberno do Concello monfortino.
Monforte de Lemos pertence, xunto con outras 20 poboacións de España, á Asociación “Red de Juderías de España-Caminos de Sefarad”, o cal representa un recoñecemento ó seu rico pasado medieval e en particular á pegada hebrea no mesmo. Pertencer a esta asociación supón contar con actividades que permiten a divulgación do patrimonio histórico e artístico da cidade.
A temática da Xornada Europea da Cultura Xudía proposta pola Red de Juderías para este ano 2024 ven impulsada pola Asociación Europea para la Preservación y Promoción de la Cultura y el Patrimonio Judíos e o fai baixo o lema “Unha gran familia”, que engloba nunha árbore colectiva a todos os membros da Rede de Xuderías, a través dos cales se mantén e transmite a cultura xudía.