O Concello de Monforte organiza para o vindeiro sábado 9 de novembro o Mercado de Outono, cun intenso programa de actividades na Praza de Abastos

Monforte de Lemos, 31 de outubro de 2024. O Alcalde de Monforte, José Tomé Roca, ven de informar que o Concello celebrará un ano máis o tradicional Mercado de Outono que acolle a Praza de Abastos de Monforte. Será o vindeiro sábado 9 de novembro.

O Alcalde destaca que “con esta actividade contribuímos a poñer en valor os produtos típicos do outono. Por outra parte, potenciamos o comercio local e de proximidade, axudando a dinamizar e crear atractivos comerciais. E tamén dinamizamos os espazos comerciais da nosa Praza de Abastos”.

Como en pasadas edicións, o Mercado combinará a comercialización de produtos de tempada de outono cunha completa xornada de ocio e diversión, con actividades ó longo de toda a xornada.

Así, no espazo dos Mercados da Praza de Abastos, será posible adquirir produtos de tempada, produtos gastronómicos de outono: castañas, cogumelos, noces ou mel así como os produtos elaborados cós mesmos: doces, marmelos ou licores ademais de embutidos e queixos galegos, xabóns, cosmética natural e artigos únicos como lámpadas de cabazas.

Os postos de venda teñen o prazo aberto ata o día 4 de novembro para solicitar a participación no mercado.

Este mercado de produtos naturais e típicos de outono abrirá as súas portas o sábado 9 de novembro de 10 a 14 horas, e tamén pola tarde, de 17:00 a 22:00 horas.

 

Actividades para toda a familia

Dentro do Mercado de Outono o Concello programou as seguintes actividades, dirixidas tanto a nenos e nenas coma a público adulto:

Sábado 9 de novembro

12:00 a 13:30 h.- Obradoiro de decoración de cabazas e estampados do outono para nenos e nenas.

17:00 a 18:30 h.- Pintacaras tenebroso.

18:00 a 19:00 h.- Contacontos de medo que dan risa, coa narradora Ángeles Goás titulado “Caldo con unto e ósos de defunto”.

19:00 a 20:30 h.- Showcooking Otoñal. Límite de prazas: 90, sen límite de idade, e poderán participar nenos e nenas, acompañados dun adulto.

20:30 a 22:00 h.- Degustacións de produtos de outono e viños da Ribeira Sacra acompañados de música en directo, co Concerto acústico do grupo monfortino Segunda Parte.

 

Sinopse do Contacontos Caldo con unto e ósos de defunto de Ángeles Goás

Caldo con unto e ósos de defunto é unha sesión de contos para vivos que se acordan dos mortos. Contos que queren ser de medo pero que tamén dan risa.

Está indicada para valentes e non tan valentes porque entre os sustos e os arrepíos tamén haberá algunha que outra gargallada (veña de onde veña).