O Pleno aproba o nomeamento do Duque de Alba como fillo adoptivo de Monforte

Monforte de Lemos, 13 de xuño de 2024. En sesión extraordinaria e urxente da Corporación Municipal de Monforte, celebrada hoxe 12 de xuño, o Pleno aprobou por 14 votos a favor do Partido Socialista (10) e do Partido Popular (4) o nomeamento de D. Carlos Fitz-James Stuart y Martínez de Irujo como Fillo Adoptivo de Monforte de Lemos. O BNG e Esperta Monforte votaron en contra da proposta.

O nomeamento do que é XXIII Conde de Lemos e XIX Duque de Alba levarase a cabo o vindeiro sábado 29 de xuño, nun Pleno Extraordinario da Corporación en Sesión Solemne no que lle serán entregados os Atributos do Nomeamento de Fillo Adoptivo de Monforte de Lemos. Será un pleno aberto ó que poderá asistir quen desexe ata completar o aforo do salón plenario.

Nesta sesión plenaria, tamén foi elevado a definitivo o Regulamento de Honras e Distincións do Concello de Monforte, ó non haberse presentado ningunha alegación ó mesmo durante o período habilitado para elo.

 

Programa da visita oficial do Duque de Alba e Conde de Lemos

O venres día 28 de xuño, D. Carlos Fitz-James Stuart y Martínez de Irujo ten prevista a súa chegada en AVE a Ourense ás 18:36 h., onde será recollido e trasladado ó Parador de Turismo de Monforte, no que se instalará, ceará en familia e pernoctará.

O sábado 29 de xuño, ás 11:00h será recibido na Casa do Concello de Monforte polo Alcalde e polos membros da Corporación municipal que queiran estar presentes.

Seguidamente, será recibido polo Alcalde no despacho de Alcaldía, onde asinará no Libro de Honra e manterán unha breve reunión privada.

Ás 11:30 h., celebrarase un Pleno Extraordinario da Corporación en Sesión Solemne, que será público, durante o que se lle fará Entrega dos Atributos do Nomeamento de Fillo Adoptivo de Monforte de Lemos a D. Carlos Fitz-James Stuart y Martínez de Irujo.

Os Atributos serán os seguintes:

  • Certificado do acordo do Pleno de Nomeamento como Fillo Adoptivo.
  • Diploma acreditativo.
  • Medalla Oficial conmemorativa do Concello.
  • Insignia Oficial do Concello.

Rematado o Pleno, ás 12:30 h. realizarase unha visita ó Museo das Clarisas, de Arte Sacro e Arte Italiano dos séculos XVI e XVII,  “que é unha das dúas visitas que o Duque manifestou interese, xunto cos Escolapios”, sinalou o Alcalde.  

Ás 14:00 h. celebrarase o Xantar Oficial no Parador de Turismo de Monforte.

Xa pola tarde, ás 18:00 h., terá lugar a visita ó Colexio da Nosa Señora da Antiga-Escolapios, para despois dar un pequeno paseo polo Casco histórico de Monforte.

A xornada rematará ás 19:30 horas, momento en que o Duque retirarase ó Parador.

O domingo 30 de xuño, o Duque e os seus acompañantes desprazaranse ata Lugo para levar a cabo, as 10:30 h. a Visita Oficial á Deputación Provincial de Lugo. Nela, será recibido polo Presidente no despacho presidencial, asinará no Libro de Honra na Sala de Xuntas de Presidencia e realizará unha visita polo Palacio Provincial.

Ás 11:30 h. está prevista a saída para Monforte e ás 12:30 h. terá lugar unha visita á Adega Algueira, na que coñecerán o proceso de elaboración do viño, participarán nunha cata demostración, seguida dun ágape.

Finalmente, ás 13:30 h. rematará a Visita Oficial do Conde de Lemos e Duque de Alba, que sairá para Ourense para coller o AVE.

 

Visita histórica para Monforte do Conde de Lemos e Duque de Alba

O Alcalde resaltou na súa intervención no Pleno que “sen dúbida, esta é unha visita moi importante para Monforte, pola relación histórica da Casa de Alba con Monforte, como herdeiros dos Condes de Lemos, condado do que son titulares na actualidade, xa que o actual Duque é o XXIII Conde de Lemos e o XIX Duque de Alba”.

Engadiu José Tomé que “tampouco teño dúbidas da importante promoción e proxección que vai supoñer para Monforte, co conseguinte beneficio que terá cara o futuro para o comercio, a hostalería e o turismo en xeral”.