O Alcalde e Eduardo Iglesias presentan o equipo que participará no rally Dakar, por 6º vez consecutiva co apoio do Concello de Monforte

Monforte de Lemos, 11 de decembro de 2024. Na mañá de hoxe, o Alcalde de Monforte, José Tomé Roca, recibiu ó piloto de motos monfortino Eduardo Iglesias, para despedilo días antes de que o piloto viaxe camiño de terras de Arabia Saudí, para participar do 3 ó 17 de xaneiro de 2025 nunha nova edición do rally Dakar.

O acto de presentación, que tivo lugar na praza da Casa Consistorial do Concello de Monforte, serviu para dar a coñecer a moto coa que Iglesias competirá, así como a equipación que levará á proba, na que competirá co dorsal número 38.

Na recepción, o Alcalde e Iglesias estiveron acompañados pola 1ª Tenente de Alcalde, Gloria Prada, o Concelleiro de Deportes, José Manuel Mougán, e por dous membros do equipo do piloto monfortino, Jesús Veloso Cachaldora e José Manuel Cerdeira.

 

Seis participacións consecutivas no Dakar

Este 2025 será o sexto ano consecutivo en que o piloto monfortino participe no rally máis famoso do mundo, e por este motivo, o Alcalde desexoulle o maior do éxitos en nome de todos os monfortinos, agardando “que non teña accidentes como tivo na edición do ano 2023 na etapa prólogo, e que, si pode, supere o mellor posto acadado, que foi o 53 que conseguiu na edición de 2021.”

Neste senso, cabe recordar que Eduardo Iglesias superou todas as previsións na súas cinco participacións no Dakar: non so conseguiu rematar en 4 das 5 ocasións o que é o rally máis duro do mundo, senón que ademais fíxoo entre os 100 primeiros clasificados, nun meritorio posto 94 no ano 2020, no posto 53 en 2021, no posto 78 en 2022, e no 74 en 2024. En 2023, un accidente na etapa prólogo impediu a súa continuidade na proba.

“Dende o primeiro ano, no Concello decidimos apoiar a participación de Eduardo Iglesias no Dakar, e facémolo porque queremos apoiar o talento e o esforzo dun dos deportistas da nosa cidade”, destacou o rexedor municipal. Ademais, o Alcalde salientou que o piloto monfortino levará o nome de Monforte, da Ribeira Sacra e de toda a provincia de Lugo por todo o mundo, a través do eco das redes sociais e dos medios de comunicación.

Tomé Roca que tanto o Concello como a Deputación provincial de Lugo apoian  economicamente a este piloto, contribuíndo a sufragar os gastos desta importante competición. En concreto, o Concello monfortino apoia a participación de Eduardo Iglesias con 5.000€, ós que se engade outra axuda da Deputación provincial de Lugo, “porque sen dúbida contribuirá a que de novo Monforte, a Ribeira Sacra e a provincia de Lugo estean representados nun evento deportivo que xenera un enorme seguimento e ten unha repercusión mundial, con máis de 200 millóns de telespectadores”.

O Alcalde concluíu manifestando que “en nome de todos os monfortinos e monfortinas, desexámoslle a Eduardo Iglesias o maior dos éxitos na súa sexta participación neste rally Dakar, e estamos seguros de que volveremos a ter motivos para sentirnos orgullosos del, porque ademais este ano é o único representante galego na categoría de motos”.

O Rally Dakar 2025, que é a proba de motor máis importante e famosa do mundo, desenvolverase do 3 ó 17 de xaneiro de 2025, cunha prólogo e 12 etapas, e case 8.000 quilómetros de percorrido, en Arabia Saudí.