Da comezo a décima edición do Festival cómico festivo A rúa é vosa dentro do programa das Festas Patronais de Monforte

Monforte de Lemos, 12 de agosto de 2024. A 10ª edición do Festival Cómico Festivo A rúa é vosa, deu comezo hoxe dentro do programa das Festas Patronais da cidade.

A primeira das 12 actuacións programadas deste festival, que terá funcións os días 11, 12, 14 e 16, foi a da compañía Sempre Arriba, que representou na praza de España o espectáculo titulado "C'est pas possible", espectáculo familiar que mestura a linguaxe clown coas acrobacias aéreas, e no que convidou ó público a se empapar coas emocións que esta personaxe vive en escena nunha viaxe cara ao reencontro cun mesmo e ao pracer de vivir e compartir.

Unha espectacular experiencia empregando o clown como linguaxe e en comunicación directa co público. Neste espectáculo ponse de manifesto a dualidade que moitos vivimos por dentro: aprendemos a ser eficaces, a cumprir prazos e expectativas e esquecémonos de gozar e de sermos nós mesmos.

Esta mesma compañía fará un novo pase do seu espectáculo hoxe ás 8 da tarde.

Mañá este Festival terá continuidade cos espectáculos de O Mago Noel (12:00 e 19:00 h na rúa do Cardeal) e de Jano (13:00 e 20:00 h na praza de España).