O Concello de Monforte conta un ano máis cun Punto Violeta durante a celebración das Festas Patronais

Monforte de Lemos, 12 de agosto de 2024. O Concello de Monforte ubica un Punto Violeta na cidade para previr e atender a posibles vítimas de agresión sexistas durante o período de celebración das Festas Patronais, do 11 ó 16 de agosto.

Deste xeito, o Equipo de Goberno instalou dende o domingo, día 11,  unha Caravana Morada, de atención e concienciación contra as agresións sexistas, que está atendida por un equipo técnico especializado en previr e orientar na loita contra a violencia de xénero, e que está situada no entorno do Parque de los Condes enfronte da estatua de Manuel María, no espazo próximo ó semáforo, e permanecerá do 11 ó 16 de agosto, durante a celebración das Festas.

O horario da Caravana Morada é, de maneira ininterrompida, de 23:00 a 6:00 horas da madrugada durante todos os días de duración das Festas Patronais agás o primeiro día, o domingo día 11, que terá un horario de 22:00h a 2:00h da madrugada.

A caravana morada informa, asesora e visibiliza o rexeitamento comunitario do acoso e agresións de xénero a través de profesionais especializados en asesoría xurídica, psicoloxía, contra a violencia de xénero, criminoloxía e técnicos de igualdade, que ofrecen este servizo itinerante para concienciar á poboación da importancia dunha educación sen violencia de xénero.

Este punto morado ten un dobre compoñente: por unha banda, concienciar e visibilizar o compromiso social e o rexeitamento comunitario das violencias informando sobre os recursos dispoñibles contra a violencia de xénero ó público en xeral e por outro, a caravana morada presta o servizo de atención directa a mulleres dentro das festas en coordinación coas forzas de seguridade atendendo ás mulleres que así o demanden.

O persoal técnico da Caravana Morada está formado por  unha psicóloga xurídica e criminóloga con especialidade en violencia de xénero, unha asesora xurídica con especialidade en violencia de xénero e unha educadora social - axente de igualdade. Todas elas,  asisten e asesoran na caravana morada ás mulleres que así o necesiten e informan sobre os recursos dispoñibles a nivel local, comarcal, autonómico e nacional.

Esta medida vai acompañada por unha campaña de publicidade que complementa esta iniciativa, leva por lema #SEXOconSENSO e inclúe carteleiras con varios consellos para previr a violencia sexual que se repartiron polos establecementos hostaleiros e locais comerciais xunto cos carteis das festas, así como material diversos de sensibilización (pulseiras, tarxetas, dípticos etc.).

Estas actuacións están financiadas con cargo aos créditos recibidos do Ministerio de Igualdad, Secretaría de Estado de Igualdad y contra la Violencia de Género, no desenvolvemento de competencias reservadas ás Entidades Locais no Pacto de Estado contra a Violencia de Xénero para o exercicio 2024.