O Alcalde recibe e felicita ó piloto monfortino Eduardo Iglesias, tras a súa quinta participación consecutiva no Rally Dakar, no que acadou o posto 75

Monforte de Lemos, 7 de febreiro de 2024. O Alcalde de Monforte, José Tomé Roca, recibiu hoxe, acompañado pola 1ª Tenente de Alcalde, Gloria Prada, e o Concelleiro de Obras e Servizos, José Luís Losada, a Eduardo Iglesias, piloto monfortino de motos que participou na última edición do Rally Dakar, disputado en Arabia en xaneiro deste ano 2024 e que rematou no posto 75 da clasificación xeral.

Durante a recepción o Alcalde aproveitou a ocasión para felicitar ó piloto monfortino “pola súa participación e logros acadados nesta importante competición deportiva, e por ter acadado a súa segunda mellor participación neste ano 2024, tras o mellor posto acadado en 2021 (53º)”.

Na visita, o piloto monfortino, acompañado por Jesús Veloso, membro do seu equipo, fíxolle entrega ó Alcalde dunha camiseta conmemorativa e unha fotografía enmarcada.

Eduardo Iglesias tamén mostrou a medalla que recibiu por rematar esta dura proba, que ten máis mérito se cabe, porque dos 19 pilotos de motos españois que se inscribiron no Dakar deste ano, so 6 conseguiron chegar á meta final e acabar o rally. Deses 6 pilotos que finalizaron, Eduardo Iglesias acadou o 3º mellor posto.

Cabe recordar que Eduardo Iglesias, na súas cinco participacións consecutivas, rematou a proba en catro delas:  en 2020, quedou no posto 94, en 2021 no posto 53, en 2022 no posto 78 e 2024 no posto 75. En 2023, un accidente sufrido na etapa prólogo impediulle seguir en competición. Polo tanto, das 4 veces en que rematou a proba, a segunda mellor clasificación foi a acadada en 2024.

O Concello de Monforte foi un dos patrocinadores destacados, xunto coa Deputación de Lugo, do piloto monfortino. En concreto, o Concello aportou 5.000€ para apoiar esta participación, que se suman ós 15.000€ aportados pola Deputación de Lugo. “Dende o primeiro ano, no Concello decidimos apoiar a participación de Eduardo Iglesias no Dakar, e facémolo porque queremos apoiar o talento e o esforzo dun dos deportistas da nosa cidade”, destacou o rexedor municipal.

Deste xeito, a imaxe da cidade de Monforte de Lemos, da Ribeira Sacra e da provincia de Lugo estiveron presentes no uniforme e na moto do piloto, significando unha importante proxección internacional das mesmas, dada a enorme repercusión mundial que ten a que é a proba de motor máis importante do mundo, tanto en medios de comunicación nacionais e internacionais como nas diferentes canles dixitais e redes sociais, con máis de 200 millóns de telespectadores.

O Alcalde concluíu manifestando que “en nome de todos os monfortinos e monfortinas, felicitamos a Eduardo Iglesias por este novo éxito na súa quinta participación neste rally Dakar, porque o feito de que rematara a proba e que o fixera no posto 75, é motivo para sentirnos todos orgullosos del”.