O Alcalde informa da reordenación do tráfico na rúa Doutor Casares polas obras de mellora na rede de saneamento

Monforte de Lemos, 3 de xuño de 2024. O Alcalde de Monforte, José Tomé Roca, informa que mañá martes 4 de xuño levarase a cabo a reordenación do tráfico na rúa Doutor Casares debido ás obras de mellora na rede de saneamento, correspondentes á 2ª Fase de actuacións que o Concello e a Confederación Hidrográfica Miño-Sil iniciaron en setembro de 2023 en diferentes zonas da cidade.

Os traballos de mellora levaranse a cabo no centro da calzada da rúa Dr. Casares, a altura da confluencia con esta das rúas Caneiro e Coruña.

As medidas de ordenación do tráfico adoptadas para levar a cabo estas actuacións, serán as seguintes:

  • Cortarase o tránsito de vehículos no tramo de rúa Dr. Casares comprendido entre o cruce con rúa San Pedro e o final da mesma, á altura do enlace con rúa Concepción Arenal.
  • Cortarase o tránsito de vehículos no tramo da rúa Morín comprendido entre o cruce con rúa Dr. López Suárez e o inicio da mesma, á altura do enlace con rúa Concepción Arenal.
  • Cortarase o tránsito de vehículos pola rúa Caneiro na súa totalidade.
  • Cortarase o tránsito de vehículos pola rúa Pontevedra na súa totalidade.

A circulación alternativa farase pola rúa San Pedro, para aqueles vehículos que procedan da Ronda María Emilia Casas Baamonde e do tramo non pechado ó tráfico da rúa Dr. Casares, seguindo polas rúas Leopoldo Calvo Sotelo e Rosalía de Castro ata Dr. López Suárez e Condesa Pardo Bazán, desde as que enlazarán con rúa Morín.

Nas rúas cortadas permitirase o paso de vehículos de residentes, usuarios de garaxes, de vehículos de servizos e de carga e descarga para os establecementos comerciais existentes na zona, así como se facilitará o acceso a estación de servizo ubicada nas inmediacións da zona dos traballos. Todo elo, sempre de forma que resulte compatible coa situación das obras en cada momento.

Estímase que as actuacións de mellora que implican estes cambios no tráfico de vehículos teñan unha duración máxima dunha semana.

 

2ª fase das obras de mellora na rede de saneamento urbano de Monforte

En setembro de 2023, o Alcalde e o Presidente da Confederación Hidrográfica Miño-Sil, José Antonio Quiroga, comunicaron o inicio das obras de mellora na rede de saneamento de Monforte, con actuacións na galería baixo a Praza da Compañía e na rúa Carude, no colector das Malloadas e rúa Concepción Arenal, na rúa Rosalía de Castro, na rúa Doutor Casares-Morín e na prolongación de Xoan Montes.

Estas actuacións corresponden á 2ª Fase das obras de mellora na rede de saneamento urbano de Monforte e contan cun investimento de 1,8 millóns de euros, ““unha inversión millonaria para a cidade que fala por si sola, da importancia do proxecto das obras que se están a realizar e que van supor unha mellora moi significativa do saneamento na cidade”, destaca o Alcalde. As actuacións están cofinanciadas pola Confederación Hidrográfica do Miño-Sil que aporta o 80% da inversión, e polo Concello de Monforte, con unha porcentaxe do 20%.

Con estes traballos vanse a subsanar as infiltracións que sobrecargan a rede e os alivios de augas residuais e  abórdase tamén nesta mesma actuación, a mellora da rede de saneamento de varias rúas , por estar en mal estado na maioría dos tramos, causando un funcionamento deficiente.

Todas estas actuacións teñen como obxectivos principais, por un lado, a redución de augas brancas que se incorporan á rede de forma irregular por deficiencias construtivas e do estado de conservación dos pozos e dos colectores e por outro, levar a cabo reparacións estruturais da rede nas rúas mencionadas que precisan dunha intervención mais urxente.

Este proxecto supón  a continuación da labor de mellora da rede de saneamento de Monforte, despois das melloras realizadas, nunha 1ª Fase, nas rúas Santa Clara, A Veiga, Chantada, Juan Montes e Padre Feijóo.

O rexedor monfortino remarca que nestes catro últimos anos, a inversión total na rede de subministro de auga alcanza os 4 millóns de euros, o que demostra que se está a facer un gran esforzo por corrixir os problemas de saneamento da cidade que se veñen sufrindo dende fai moitos anos.

A elo hai que engadir que en marzo de 2023, o Concello asinou coa CHMS unha inversión de preto de 5 millóns de euros para a construción dunha nova depuradora no Polígono industrial do Reboredo.

Ademais das actuacións en colaboración coa CHMS, o Concello ten en marcha outro proxecto fundamental para mellorar o saneamento da cidade, como é a instalación da nova tubería xeral de fundición na rede de abastecemento de auga, entre os depósitos do Cornado e os depósitos de San Vicente, que ten un investimento de 1,7 millóns de euros, e que foi froito das negociacións do Alcalde coa empresa FCC Aqualia S.A.

 

Traballos de mellora en Doutor Casares

En concreto, os traballos que se van desenvolver estes días na rúa Doutor Casares consistirán en:

  • Mellora do saneamento coa realización da canalización de pluviais e residuais independentes, coa posterior humanización das beirarrúas correspondentes.
  • Instalación dun pozo unitario de residuais que une as dúas marxes da rúa Doutor Casares.
  • Na rúa Concepción Arenal instalarase un separador líquido dinámico para mellorar o verquido de augas pluviais ó río.