Monforte de Lemos, 22 de abril de 2024. Dentro da programación da Rede Galega de Teatros e Auditorios, o Concello de Monforte programa para este xoves 25 de abril ás 20:15 no Edificio Multiusos a posta en escena da obra para adultos Falar por falar, da compañía Volta e Dalle Teatro, obra escrita e dirixida por Carlos Santiago e interpretada por Carlos Santiago e Victor Mosqueira.
O prezo da entrada xeral para esta obra é de 5 euros e de 3 para desempregados, xubilados e estudantes.
Sinopse
Todo indica que o futuro da lingua galega é incerto. Malia os niveis de protección legal do idioma, e case dous séculos de rexurdimento civil e literario, o descenso de falantes é evidente, con grande incidencia nas novas xeracións de galegas e galegos.
Pero alén e aquén das análises socio-lingüísticas, a lingua segue viva e reclama o seu lugar natural nas nosas vidas. Atravesada por conflitos de longa data e certamente mareada polos avatares da política, a lingua espera sempre por nós nalgún punto do camiño.
Moita xente mamouna no berce, outra demorou en romper a falala, e hai quen nunca a falou nin nunca a falará.
Por iso "Falar por Falar" proponnos un achegamento á realidade da lingua, desde a propia vivencia dos falantes e os non falantes.
A seguinte obra do ciclo de teatro, e última deste primeiro semestre de 2024, neste caso dirixida a público infantil e familiar programada polo Equipo de Goberno do Concello de Monforte será Palabras do grupo Baobab Teatro que terá lugar o domingo 12 de maio no Edificio Multiusos ás 18 h, sendo a entrada de 5 euros e de 3 euros para desempregados, xubilados e estudantes.