Nova peza de teatro este domingo 1 de decembro con Nanai da China, da compañía Pérez&Fernández no Multiusos de Monforte

Monforte de Lemos, 28 de novembro de 2024. O Equipo de Goberno do Concello de Monforte programa para este domingo 1 de decembro ás 18:00 no auditorio do Edificio Multiusos unha nova obra de teatro, dentro da Rede Galega de Teatros e Auditorios correspondente ó segundo trimestre deste ano 2024.

Así, terá lugar a coa posta en escena da obra para público infantil, de máis de 5 anos, e familiar Nanai da China, da compañía Pérez&Fernández, composta por Victoria Pérez, e Xabier Romero, dirixida por Victoria Pérez e coa interpretación de Victoria Pérez e Manu Fernández.

É unha obra cun prezo de 5 euros a entrada xeral e de 3 euros para estudantes, desempregados e xubilados.

Sinopse

Nanai da China é unha nena que naceu unha noite sen lúa. Os seus veciños rexeitana dende que nace, por pura superstición. Ela só sabe dicir que non, e axudar ao seu avó a cultivar o arroz máis delicioso desta beira do Yangtsé en compañía de Chispúm, un simpático búfalo de auga.

Para loitar contra a estúpida superstición da xente, Nanai e o seu avó elaboran un plan que… non sae todo o tempo tan ben como debería…

Nanai da China é un espectáculo de teatro para público familiar onde os títeres e os actores se fusionan para representar este conto orixinal cheo de maxia, aventuras, e humor. A peza gañou o Premio María Casares 2024 na categoría de monicreques.

 

A seguinte obra do ciclo de teatro programado polo Equipo de Goberno do Concello de Monforte, para público adulto, será Testosterona, da compañía Malasombra, que terá lugar o xoves 12 de decembro no auditorio do Edificio Multiusos ás 20:15 h, sendo o prezo da entrada xeral de 5 euros e de 3 euros para estudantes, desempregados e xubilados.