Teatro en Monforte mañá domingo 10 con Valente e rebelde, da compañía Trémola Teatro, dentro do programa do Concello do 8M, Día internacional da Muller

Monforte de Lemos, 9 de marzo de 2024. Dende o Concello de Monforte, a través da concellería de Muller e Igualdade e o CIM, e en colaboración coa concellería de Cultura, programouse, co gallo do “Día Internacional para a eliminación da violencia de xénero” unha nova representación teatral, dado o éxito que están a ter este tipo de iniciativas culturais.

Deste xeito, o domingo 10 de marzo ás 18:00 h. no Salón de Actos da Casa da Cultura vaise levar a cabo a representación teatralValente e rebelde da compañía Trémola Teatro, que terá unha duración de 50 minutos, será con entrada gratuíta e irá dirixida ao público familiar.

Argumento

Algunha vez quixeches descubrir o que escribe a túa irmá maior no seu libro secreto? Anita atopouno e descubriu que escribe e debuxa sobre o seu personaxe favorito. Poderías adiviñar cal é?

As dúas actrices que desenvolven a representación teatral darán vida a mil e unha aventuras a través de xogos e disfraces para demostrar que o mellor é ser Valente e Rebelde.

Trémola Teatro é unha compañía creada a finais do 2017. As súas fundadoras, profesionais das artes escénicas, coñecéronse na Escola Superior de Arte Dramática de Galicia (ESADg) mentres realizaban estudos de interpretación. A compañía creceu, e actualmente a compoñen catro actrices máis. Coa mesma ilusión que ao principio, Trémola Teatro non para de percorrer Galicia e Madrid cos seus espectáculos.