Teatro este sábado 14 de decembro con Copacabana, do grupo de teatro Viraventos-Monforte na Casa da Cultura

Monforte de Lemos, 10 de decembro de 2024. O Equipo de Goberno do Concello de Monforte programa para este sábado 14 de decembro ás 20:00 na Casa da Cultura Poeta Lois Pereiro unha nova obra de teatro, neste caso dentro do Circuíto de Teatro Afeccionado da Área de Cultura da Deputación de Lugo, correspondente ó segundo trimestre deste ano 2024.

Así, terá lugar a coa posta en escena da obra para todos os públicos Copacabana, do grupo de teatro Viraventos-Monforte, unha peza cuxa autoría e dirección corre a cargo de Candela López e Marcos Vázquez. Conta cun elenco formado por Elena Arnaiz, Juan Castro, Pury Conde, Manuel Fuentes, Teresa González, Mari Pradera, Olli Rodríguez, González Rodríguez, Josi Rodríguez e Marina Vidueira.

É unha obra para todos os públicos, con entrada libre e gratuíta.

Sinopse

Copacababa conta as andanzas dun grupo de amigos e amigas moi dispares, sen nada en común, pero aos que a vida xuntou para levar a cabo unha misión conxunta.

Esta é unha comedia de enredos onde o público pode verse reflexado nalgún dos personaxes, chegando a comprender por que fan o que fan, por moi disparatado que sexa, empatizando con cada un deles.

Trátase dunha alegoría da vida, das gañas de vivir, da amizade, da diversión e, dobre todo, trátase dunha reflexión que nos leva a conclusión de que nunca é tarde para gozar da vida, de que xamais temos que darnos por vencidos e de que a unión fai a forza.

O Grupo de Teatro Viraventos, da comarca de Lemos, é un grupo amador formado por once persoas apaixoadas do teatro, que levan moito tempo desfrutando tanto de velo como de facelo. Ano tras ano poñen moito interese na creación e na representación de obras, chegando a conformar unha "gran familia de teatreiros e teatreiras". O seu lema é que ser amador non é menos que ser profesional, simplemente é outra maneira de facer as cousas.

 

A seguinte obra do ciclo de teatro programado polo Equipo de Goberno do Concello de Monforte, dirixida a todos os públicos, será Saíndo do Cerco de Teatro do Miolo, que terá lugar o mércores 18 de decembro na Casa da Cultura Poeta Lois Pereiro, ás 20:30 horas, sendo a entrada gratuíta. Forma parte do Circuíto de Teatro Profesional da área de Cultura da Deputación de Lugo.