Monforte de Lemos, 14 de setembro de 2024. O Equipo de Goberno do Concello de Monforte programa para este xoves 17 de outubro ás 20:15 no Edificio Multiusos unha nova obra de teatro, dentro do ciclo correspondente ó segundo trimestre deste ano 2024, coa posta en escena da obra para adultos O dragón de ouro, da compañía Sarabela Teatro, obra coa autoría de Roland Schimmelpfenning, dirixida por Ánxeles Cuña Bóveda e cun elenco artístico conformado por Fernando González, Fernando Dacosta, Sabela Gago, Fran Lareu e Fina Calleja. É unha peza incluída no Ciclo da Rede de Teatros e Auditorios da a Axencia Galega das Industrias Culturais da Xunta.
É unha obra dirixida a público adulto, cun prezo de 5 euros a entrada xeral e de 3 euros para estudantes, desempregados e xubilados.
Sinopse
Unha noite, nun edificio de varios pisos, nalgún lugar de Europa: un mozo chinés sofre unha forte dor de moas na cociña do restaurante de comida rápida Tailandés - Chinés - Vietnamita, O Dragón de ouro. Non ten permiso de residencia e tampouco atopa a súa irmá desaparecida.
No balcón, sobre o Dragón de Ouro, un ancián quere retroceder no tempo mentres a súa neta, grávida, está diante das ruínas da súa relación porque o seu mozo non quere fillos.
No piso de abaixo, un home, deixado pola súa muller, visita ao seu amigo, un tendeiro enigmático que obriga a unha moza chinesa á prostitución. Dúas azafatas comen no restaurante. Unha delas topa e garda unha moa que caeu na súa sopa tailandesa.
Intercalada entre as escenas, está inserida a Fábula da Cigarra (que non gardaba nada no verán) e pídelle á Formiga que lle dea de comer.
O Dragón de ouro, é unha das obras deste autor máis representadas en todo o mundo. Mesmo hai unha adaptación á ópera. Esta vai ser a primeira vez que poidamos escoitala e vela en galego. Para iso contamos coa colaboración do Instituto Goethe e a magnífica tradución de Catuxa Pato.
A obra sitúa o tema nun novo contexto e entusiasma a espectadores e espectadoras polo áxil cambio de roles. Os momentos humorísticos con paradoxos, debuxan un interesante retrato sobre os inmigrantes ilegais e a súa explotación no mundo occidental.
O conflito central está no mundo mergullado de traballadores “sen papeis”; Schimmelpfenning sabe tirar desta ideade necesidade, de límite, de desexo de mudar as condicións de vida para sacar todo o proveito do mundo cunha mestría única..
A seguinte obra do ciclo de teatro programado polo Equipo de Goberno do Concello de Monforte, para público adulto, será Desexo, da compañía Talía Teatro, que terá lugar o xoves 7 de novembro no Edificio Multiusos ás 20:15 h, sendo o prezo da entrada xeral de 5 euros e de 3 euros para estudantes, desempregados e xubilados.