A Tenente de Alcalde participa no encontro no que a Secretaria de Estado de Turismo manifesta o seu total apoio á candidatura da Ribeira Sacra a Patrimonio Mundial da UNESCO

Monforte de Lemos, 12 de abril de 2024. A Tenente de Alcalde de Monforte, Gloria Prada, en representación do Alcalde da cidade, José Tomé Roca, participou hoxe no encontro organizado pola Secretaría de Estado de Turismo e a Delegación do Gobierno en Galicia no Parador de Santo Estevo (Nogueira de Ramuín, Ourense), para promocionar a candidatura a Patrimonio da Humanidade da Ribeira Sacra, e valorou moi positivamente o apoio do Goberno de España, manifestado a través da Secretaria de Estado.

Baixo o título “Encuentro de Turismo y Ribeira Sacra, candidatura a Patrimonio de la Humanidad”, o acto estivo presidido por Rosana Morillo Rodríguez, Secretaria de Estado de Turismo do Goberno de España, e Pedro Blanco Lobeiras, Delegado do Goberno en Galicia, e reuniu a alcaldes e representantes municipais dos concellos que forman parte da Ribeira Sacra, así como das dúas Deputacións ás que pertence este territorio, como son Lugo e Ourense.

No acto, a Secretaria de Estado de Turismo, Rosana Morillo, manifestou o seu total apoio á candidatura da Ribeira Sacra a ser declarada Patrimonio Mundial da UNESCO, que se presentará en febreiro de 2025 e será avaliada en 2026.

Ao acto tamén asistiron o delegado do Goberno en Galicia, Pedro Blanco; a subdelegadas do Goberno en Lugo, María Isabel Rodríguez López; e o subdelegado do Goberno en Ourense, Emilio González Afonso, así como o Presidente da Confederación Hidrográfica Miño-Sil, José Antonio Quiroga, entre outras autoridades.

Gloria Prada destacou que “a candidatura de Ribeira Sacra a Patrimonio da Humanidade é o impulso definitivo para a desestacionalización e diversificación do turismo en Galicia” e subliñou que “dende o Concello de Monforte, que é a capital da Ribeira Sacra, consideramos fundamental o apoio do Goberno do Estado polo impulso que supón para o proceso e para a propia resolución”.

O Consello de Patrimonio Histórico adoptou o 5 de abril a decisión pola que a Paisaxe Cultural da auga da Ribeira Sacra será a candidatura española a entrar na listaxe de Patrimonio da Humanidade da UNESCO. Todas as comunidades autónomas participaron na decisión.

A candidatura foi elaborada baixo un enfoque que destaca como valor excepcional a relación entre o territorio e os seus poboadores. Presentarase ante o organismo internacional en febreiro de 2025 e a súa inclusión será discutida polo comité de avaliación da UNESCO en 2026.

Cabe lembrar que esta paraxe, que tamén está catalogado como Reserva da Biosfera, xa foi candidato a Patrimonio Mundial da UNESCO no ano 2019. Este ano retomouse a candidatura con esta nova proposta de valor.

 

200 millóns de euros de investimento en Galicia

O apoio da Secretaria de Estado de Turismo á candidatura da Ribeira Sacra prodúcese no contexto dunha viaxe institucional organizada pola Delegación do Goberno en Galicia para que a máxima responsable da xestión turística en España coñecese de primeira man o estado dos proxectos financiados a cargo do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia do Goberno.

O Ministerio de Industria e Turismo, a través deste plan, investiu no últimos catro anos preto de 200 millóns de euros en Galicia para a transformación do turismo cara a un modelo máis sostible, dixital e resiliente, así como para a modernización das empresas turística da comunidade. Un de cada dous concellos galegos beneficiarase deste investimento.