Monforte de Lemos, 3 de maio de 2024. O Alcalde de Monforte, José Tomé Roca, informa que este luns día 6 de maio de 2024, a Oficina Móbil do Programa Acelera PEME, posto en marcha pola Deputación de Lugo, estará ubicada na Praza da Compañía diante das Casitas, a partir das 12:30 horas.
O Programa vai dirixido a autónomos ou propietarios dunha PEME que precisen impulsar a dixitalización do seu negocio. Nesta Oficina Móbil Acelera PEME proporcionaráselles asesoramento dos dinamizadores dixitais, podendo programar as citas presenciais ou telemáticas que precisen para unha consulta individualizada.
Algúns dos servizos gratuítos do programa Acelera Peme son os seguintes:
- Servizo de acompañamento dixital individual e personalizado.
- Análise do estado de dixitalización, soporte e asesoramento á empresa.
- Apoio na implantación de novas solución dixitais ao negocio.
- Consultoría en marketing dixital (redes sociais, e-mail marketing, publicidade…)
- Apoio e acompañamento na solicitude do Kit Dixital.
Esta é unha iniciativa posta en marcha dende a Deputación de Lugo o pasado 13 de setembro para reforzar o asesoramento gratuíto en materia de transformación dixital que vén ofrecendo a institución provincial a empresas e autónomos da provincia a través deste proxecto, que impulsa en colaboración co Goberno do Estado.
Coa oficina móbil, a Deputación reforza a actividade que xa se vén desenvolvendo no marco deste proxecto co traballo de 7 axentes dixitais que se moven polas diferentes comarcas e coas oficinas abertas nos concellos de Viveiro, Lugo, A Fonsagrada, Láncara, Monforte e Vilalba.
Neses encontros coas empresas estudan a situación da que parte cada unha delas e buscan ferramentas que encaixen coa súa actividade para beneficiar o seu volume de negocio. Por exemplo, axúdanlles a crear redes sociais e impulsalas para que teñan máis seguidores, tamén á posta en marcha de Whatsapp Business para que interactúen coa súa clientela ou implantan solucións dixitais específicas do seu sector que son moi útiles para os negocios.
O programa Acelera PEMES está dotado con medio millón de euros, dos cales o 80% (400.000€) proceden da Unión Europea a través da entidade pública empresarial Red.Es, dependente do Ministerio de Asuntos Económicos e Transformación Dixital, e o 20% (100.000€) da propia Deputación de Lugo.
Ademais, esta oficina móbil, aliméntase de placas solares para a subministración da enerxía necesaria para o funcionamento dos equipos informáticos e da iluminación. Así mesmo, cóntase cun sistema de reciclado da auga de lavado, o que contribúe á reciclaxe do 100% da auga que usa e á redución ata nun 94% da presenza de hidrocarburos. Unha aposta polo aforro enerxético e o coidado do medio ambiente, na liña de favorecer a sostibilidade pola que aposta a Deputación.