Monforte de Lemos, 8 de xaneiro de 2025. O Alcalde de Monforte, José Tomé Roca, levou a cabo balance do ano 2024, mediante rolda de prensa celebrada na mañá de hoxe ante os medios de comunicación, ano que calificou de “espectacular, trascendental e excepcional para o Concello de Monforte, sen dúbida o mellor ano en décadas e que abre as portas a un ano 2025 aínda mellor”.
José Tomé explicou que “durante o ano 2024, realizáronse obras importantes, iniciáronse outras e asináronse convenios que van dar continuidade a este escenario tan positivo para Monforte nos vindeiros anos. Así que, eu creo que podemos dicir que 2024 foi un ano transcendental polos investimentos levados a cabo, como polos compromisos asinados para o futuro, e tamén polas melloras no apartado económico e social”, e engadiu que “os datos son moi bos, por iso digo que Monforte vai ben e que aínda vai ir mellor”.
O rexedor monfortino tamén recordou que “en 2024, iniciamos negociacións sobre varios proxectos novos que esperamos rematar de xeito positivo no presente ano 2025 e que van supoñer un antes e un despois para Monforte, tanto no plano urbanístico, como no plano económico e social, que suporá nos próximos anos unha mellora do Concello de Monforte en todos os aspectos, que sen dúbida vai contribuír a espertar o orgullo de ser monfortinos e monfortinas, elevando a nosa autoestima como cidade e como Concello.”
“O 2024, foi un ano excelente para Monforte, tanto pola cantidade e calidade dos logros acadados, como polas obras postas en marcha, todas elas son o resultado de moito traballo, de moito esforzo e de moitas negociacións durante meses ou anos, para obter estes bos resultados”.
Na rolda de prensa, o Alcalde desglosou algunhas daquelas actuacións relevantes ou melloras experimentadas na cidade que o Executivo de José Tomé levou a cabo no pasado ano 2024.
Aumento de poboación e bos resultados no ámbito laboral para Monforte
O Alcalde indicou que un dos seus obxectivos dende a súa chegada á Alcaldía en 2015 era frear a caída de poboación que se viña producindo dende finais dos ano 90 do século pasado, e “ese obxectivo acadámolo no ano 2022, reforzado en 2023, onde segundo o INE, empezamos o ano 2024 con 18.572 habitantes o que representa aproximadamente 500 persoas máis con referencia a 2021, un 3% máis de persoas empadroadas no noso Concello, e a proxección é que sigamos en liña ascendente”.
Neste senso, o rexedor monfortino aludiu a que si estes datos oficiais son bos “a situación real, é moito mellor, é dicir, si todas as persoas que viven en Monforte estiveran empadroadas, superaríamos os 20.000 habitantes. De dereito temos 18.572 a 31 de decembro de 2023, pero de feito superamos os 20.000 habitantes, porque hai xente que traballa ou reside en Monforte, pero están censados nos concellos de orixe”.
Polo que respecta ó ámbito laboral, os datos do paro son tamén moi significativos. Cando José Tomé accedeu á alcaldía de Monforte a mediados de 2015 había en Monforte 1.549 persoas rexistradas como paradas, o que representaba practicamente un 20% (19,85%) e a finais de 2024, en novembro, hai rexistrados 951 parados, un 12% (11,98%), 8 puntos menos, que representa unha baixada do paro en 600 persoas (598), sen dúbida un dato moi importante.
Segundo os datos da Seguridade Social, en 2015, Monforte contaba con 4.494 afiliados á Seguridade Social e en novembro de 2024 (último dato publicado), hai 4.656 cotizantes inscritos, un 3,6% máis.
Como consecuencia de todas estas melloras, a renda por habitante subiu considerablemente, xa que en 2015 era de 19.901 euros, mentres que en decembro de 2022, era de 24.395 euros, é dicir, 4.494€, practicamente 4.500 €/ano máis, o que representa un 22,58% de aumento en riqueza dispoñible, e seguiu aumentando nos dous últimos anos, co cal a día de hoxe é bastante maior.
Dous piares básicos do Executivo de José Tomé: servizos sociais e inversións.
“Dende que tomei posesión como Alcalde-Presidente do Concello de Monforte, dous dos piares básicos da miña acción de goberno sempre foron: os servizos sociais e as inversións. Polo tanto, as prioridades son: a atención ás persoas, a mellora da cidade e das parroquias, a cultura, o deporte e o medio ambiente” incidiu José Tomé.
Neste senso, no pasado ano 2024, o Alcalde destacou que o Concello de Monforte tivo o maior orzamento da historia en Servizos Sociais, chegando ós 2.230.000 euros, o que lle permitiu atender a servizos tan importantes como Axuda no Fogar, emerxencias sociais, eficiencia enerxética, o programa Xantar na Casa, material escolar e libros, bus para estudantes, buses escolares dos Centros públicos de Primaria da cidade, a Gardería Municipal, axudas a Asociacións, o Plan Activa, o Campamento de Verán e as actividades do Centro de Información á Muller (CIM).
No ámbito dos deportes, tamén foi un ano para recordar, porque o Alcalde e o Equipo de Goberno seguiron aumentando as axudas ó deporte, tanto ós Clubs como ós deportistas individuais. Ademais, o calendario de eventos que acolleu Monforte en 2024 ou que xestionou o Equipo de Goberno para o presente ano 2025, son sen dúbida moi relevantes.
Por exemplo, en 2024, cabe destacar que Monforte acolleu a celebración do Campionato de España de Taekwondo, do Campionato de España de Golf de Pitch & Putt ou do Campamento Ucraniano de Ximnasia Rítmica.
E en 2024 xestionáronse para 2025 varios eventos deportivos de relevancia como poden ser a volta do Campionato de España de Taekwondo, o Campionato de España de Federacións Autonómicas de Golf, sen esquecer o que será un dos eventos deportivos do ano na cidade, cando Monforte volva a ser final da 15ª etapa da “Vuelta Ciclista a España”, o domingo 7 de setembro.
Polo que respecta á Área de Cultura e Turismo, “fixemos tamén o maior esforzo da historia do noso Concello, tanto nas actividades ordinarias, como no verán cultural ou a Feira Medieval, o Festival do Viño, as Festas Patronais, a música local, ou a promoción turística, superando nesta área amplamente máis de 1 millón de euros”.
Máis de 55M€ en investimentos transversais
Tamén deu conta o Alcalde na súa intervención da parte inversora que levou a cabo en 2024, investimentos que se deron en todos os ámbitos, sobre todo en infraestruturas, en rúas, pistas e estradas, en saneamento e abastecemento de auga, no Polígono industrial do Reboredo, en Medio Ambiente, en instalacións deportivas ou en iluminación pública.
Neste senso, José Tomé quixo poñer en valor “un dato histórico, un dato de inversións executadas, inicio de execución de proxectos ou compromisos de inversión asinados durante 2024. O dato histórico é que Monforte veuse beneficiado en 2024, por inversións de 50 millóns de euros, sen ter en conta, outras inversións que sendo importantes teñen un carácter menor e que chegan ata os 55 millóns de euros, unha cifra que nunca se alcanzou na historia moderna de Monforte”.
E fixo un resumo dos principais logros deste balance inversor de 2024 no Concello de Monforte:
- A instalación, que está a piques de rematar, da nova tubaxe xeral de abastecemento de auga potable, cun investimento de 1,7 M€.
- O inicio das obras de supresión dos pasos a nivel de Rioseco e Juan Montes por 8,3 M€.
- A mellora integral da Piscina climatizada municipal por 2 M€, cuxa obra deu comezo en outubro de 2024.
- A instalación dunha nova caldeira da Piscina e dotación de mobiliario, cun investimento de 300.000 €.
- O inicio das obras da nova Comisaría Nacional de Policía, cun orzamento de 3,8 M€.
- A urbanización da Zona D, que actualmente está en licitación por 430.000 €.
- O inicio dos traballos de construción da nova depuradora do Polígono do Reboredo, por 4,6 M€.
- A construción do que é o primeiro estacionamento do Polígono do Reboredo, cunha inversión de 320.000€.
- A Ponte Nova do Malecón, sobre a que o Alcalde explicou que o seu proxecto foi adaptado ó novo Plan Hidrolóxico Nacional. Este proxecto conta cun investimento de 2 M€.
- Documento de aprobación inicial da Praia Fluvial, que estará listo, máis ou menos no prazo dun mes, e no que o Executivo de José Tomé investe 5 M€.
- A conexión da N-120a coa N-120 e co Polígono do Reboredo, por 7,5 M€, que inclúe ampliar o arcén da actual recta de Distriz da N-120a.
- A construción da Senda peonil e ciclista de 4 km., desde Correos ata as monxas do Asilo San José, por 4,1 M€.
- E a renovación de todas as tubaxes de fibrocemento da rede de abastecemento de auga potable en toda a cidade, cun investimento 10 M€, o que supón un fito histórico, dado que foi conseguido a través dun acordo do Consello de Ministros do Goberno de España.
Antes de rematar a súa intervención, o Alcalde tamén salientou que en 2024, Monforte recibiu unha visita histórica oficial do XXIII Conde de Lemos e tamén é o XIX Duque de Alba, D. Carlos Fitz-James Stuart y Martínez de Irujo, unha visita moi importante pola promoción mediática que supuxo e por tratarse dunha personalidade histórica de primeira relevancia a nivel español.
“En definitiva, o ano 2024, foi un ano espectacular e histórico, unha afirmación que ven respaldada polos datos, que dentro dun ano, imos poder dicir que os melloramos para que Monforte siga crecendo como cidade, como Concello e no orgullo de ser monfortinos e monfortinas”, subliñou José Tomé, quen engadiu que “si vostedes se fixan nos datos de todos os logros citados hoxe, e tamén en aqueles máis sinxelos, podemos dicir que todos os días do ano poderíamos citar algunha actividade, inversión ou evento, o que da unha boa idea da intensidade de traballo deste Alcalde e do meu Equipo de Goberno”.
“Por iso entenderán, que cando digo que Monforte vai ben, e que aínda vai ir mellor, é porque o noso compromiso é seguir traballando por e para Monforte, para seguir facendo historia, co obxectivo de que os monfortinos e as monfortinas, se sintan orgullosos do seu Concello”, concluíu o Alcalde.
Tamén anunciou José Tomé que nos primeiros meses do presente ano 2025, informará de varios proxectos e inversións importantes, “que estou seguro que lle van permitir a Monforte seguir nesta boa racha histórica”.
ANEXO: RESUMO DOS PRINCIPAIS INVESTIMENTOS
Investimento en infraestruturas urbanas e das parroquias: 21.221.708,20€
-Proxecto de supresión de pasos a nivel de Rio Seco e Juan Montes: 8.273.522,43€
-Documento de aprobación inicial da Praia Fluvial e Área Recreativa en Ribasaltas-A Lama: 5.023.818,08€
-Redacción Plan Especial para a Praia Fluvial e Área Recreativa: 96.800,00€
-Nova Comisaría da Policía Nacional: 3.812.350,00€
-Nova Ponte de Ferro no Malecón (remate do proxecto): 2.000.000,00€
-Restauración da Muralla medieval e iluminación ornamental: 1.271.823,33€
-Urbanización da Zona D: 430.000,00€
-Reforma integral do Cemiterio Vello municipal (A Gándara): 223.542,57€
-Mellora da nave 1 do Mercado Gandeiro: 14.965,66€
-Mellora da nave 2 do Mercado Gandeiro: 46.850,40€
-Reforma do garaxe da Casa Consistorial: 28.035,70€
Melloras no saneamento e do abastecemento: 13.864.943,81€
-Substitución das tubaxes de fibrocemento de toda a rede de abastecemento de Monforte: 10.000.000,00 €
-II Fase do proxecto de mellora da rede de saneamento de Monforte: 2.003.073,88€
-Instalación dunha nova tubaxe para a rede xeral de abastecemento de auga (en execución): 1.671.671,22€
-Estudo integral para a mellora do saneamento de Monforte (en execución): 190.198,71€
Melloras en rúas e estradas: 8.812.320,89€
-Nova conexión entre as estradas N-120A e N-120 (Ronda Urbana): 7.500.000,00€
-Mellora do entorno da Pinguela: 223.715,10€
-Mellora da Pista do Aeródromo de As Lamas: 187.234,38€
-Pavimentación do Mercado Gandeiro: 177.787,13€
-Nova rúa (urbanización integral) na Travesía Celso Emilio Ferreiro: 135.845,37€
-Recuperación do pavimento orixinal, acondiconamento e mellora da rúa Vella: 99.440,99€
-Mellora de camiño municipal As Lamas: 98.874,04 €
-Mellora de camiño municipal Babela-Estrada de Sober: 75.467,12€
-Mellora da marxe dereita da rúa Abeledos: 75.606,89€
-Mellora da rúa Santiago: 51.653,11€
-Mellora dos Camiños Gándaras, Sobrado e Distriz: 44.803,96€
-Mellora dos Camiños As Costas, A Cha e CINSA: 47.767,09€
-Mellora da Travesía da Pinguela: 45.791,97€
-Mellora na sinalización dos pasos de cebra: 48.333,74€
Melloras no Polígono Industrial do Reboredo: 4.920.000,00€
-Nova depuradora (EDAR) do Polígono: 4.600.000,00€
-Reforma e ampliación do aparcamento do Polígono: 320.000,00€
Melloras en infraestruturas medioambientais: 4.310.856,65€
-Construción de nova senda peonil e ciclista urbana circular de 4 quilómetros, que unirá as marxes dos cauces dos regatos das Malloadas, Penela e Zapardiel, dende Correos ata as monxas do Asilo San José: 4.125.000,00€
-Contrato de mantemento e reparación das áreas de xogos infantís e aparatos biosaudables do Concello: 100.206,10€
-Mellora do paseo dende a Ponte Nova á Gardería municipal: 51.649,11€
-Obras de adecuación e posta a punto de distintos parques infantís do Concello: 16.515,41€
-Obras de conservación e mantemento das marxes do Cabe: 17.486,03€
Melloras en instalacións deportivas: 2.522.600,16€
-Reforma integral da Piscina climatizada municipal de A Pinguela: 2.047.009,42€
-Nova caldeira da Piscina climatizada municipal e dotación de mobiliario: 300.000,00€.
-Renovación dos parasois-toldos do Campo municipal de fútbol de A Pinguela: 111.414,50€
-Reparación das Pistas de Tenis da Pinguela: 42.976,24€
-Restauración do cabezal de rego do Campo de fútbol municipal de A Pinguela: 21.200,00€
Melloras en iluminación: 103.053,20€
-Sinalización lumínica de todos os pasos de cebra do Concello: 85.000,00€
-Nova iluminación dos aparcamentos do complexo deportivo de A Pinguela: 18.053,20€.