O Alcalde inaugura a tempada 2025 das rutas fluviais da Ribeira Sacra, que xa arranca con 15.453 reservas

-José Tomé Roca, Alcalde de Monforte e Presidente da Deputación de Lugo, subliñou as “moi boas expectativas” da nova edición deste servizo turístico da Deputación cun incremento dun 22% nas reservas con respecto ó ano pasado, antes da viaxe inaugural, que partiu do embarcadoiro de Ponte do Sil, en Monforte, e que marca o inicio do funcionamento dos catamaráns, que se prolongará ata final de ano coas rutas polo Sil e o Miño

-O mandatario provincial destacou que as rutas en catamarán pola Ribeira Sacra son un dos piares da estratexia “que impulsamos dende a Deputación para consolidar un modelo de turismo de calidade, sostible, de experiencias, na natureza, para todo tipo de públicos, que coida o patrimonio e que deixa valor no territorio, sobre todo no rural, e tamén en Monforte de Lemos, capital da Ribeira Sacra. Tal e como apostillou Tomé, este servizo é un motor económico fundamental para a Comarca da Ribeira Sacra,  pois atrae a novos visitantes e dinamiza a economía local”

- No acto de apertura da nova tempada de rutas participaron xunto ao Presidente da Deputación de Lugo, a primeira tenente de Alcalde de Monforte, Gloria Prada, o Concelleiro de Obras, Medio Rural e Servizos, José Luis Losada e a concelleira de Consumo, Regina López do Concello monfortino; o Alcalde de Sober, Luis Fernández Guitián, e o concelleiro soberino Iván Armesto; e o concelleiro de Turismo do Concello de Castro Caldelas, Antonio Pérez Blanco, así como o xerente do Grupo TRAGSA. 

 

Monforte de Lemos, 22 de marzo de 2025. O Alcalde de Monforte e Presidente da Deputación de Lugo, José Tomé Roca, presidiu hoxe pola mañá a viaxe inaugural da temporada 2025 das rutas fluviais da institución provincial pola Ribeira Sacra, que xa arranca con 15.453 reservas ata final de ano.

A ruta que marcou o inicio do funcionamento dos catamaráns, que se prolongará ata o mes de decembro, partiu do embarcadoiro de Ponte do Sil, en Monforte de Lemos, e contou coa participación da primeira tenente de Alcalde de Monforte, Gloria Prada, o Concelleiro de Obras, Medio Rural e Servizos, José Luis Losada e a concelleira de Consumo, Regina López do Concello monfortino; o Alcalde de Sober, Luis Fernández Guitián, e o concelleiro soberino Iván Armesto; e o concelleiro de Turismo do Concello de Castro Caldelas, Antonio Pérez Blanco, así como o xerente do Grupo TRAGSA. 

O Alcalde monfortino e Presidente provincial subliñou que "Este servizo é un motor económico fundamental para a comarca da Ribeira Sacra, pois atrae a novos visitantes e dinamiza a economía local. O investimento que destinamos cada ano repercute directamente no turismo, a hostalería e o comercio, axudando a manter as zonas rurais vivas e a xerar oportunidades para as nosas xentes"

Unha aposta decidida dende o ente provincial

O Presidente asegurou que a Deputación “reforza a aposta por esta oferta turística, pública e de calidade, tal e como se demostra no aumento da demanda, incremento que se pode cifrar en 3.453 reservas mais que o ano pasado, que demostran a consolidación destas rutas como unha das principais alternativas turísticas en Galicia”

José Tomé destacou que o modelo de turismo sostible impulsado pola Deputación de Lugo busca diversificar a oferta turística, desestacionalizar a demanda e potenciar o desenvolvemento económico en todas as comarcas da provincia. "Lugo é unha provincia rica en recursos naturais e culturais, e estamos a traballar para que o turismo sexa un motor de progreso sen esquecer o coidado co medio ambiente", afirmou o Alcalde.

O mandatario provincial incidiu en que este tipo de turismo “é unha vía de desenvolvemento eficaz para a provincia, pola súa capacidade para xerar riqueza e emprego e, polo tanto, para fixar poboación, e por iso é unha das liñas de actuación prioritarias do Goberno provincial”.

 

Reservas, datas e horas para as viaxes en catamarán

Nesta nova temporada mantéñense os dous percorridos: a Ruta Fluvial Canón do Sil, que parte do embarcadoiro da Deputación Ponte de Sil, en Monforte de Lemos; e ten unha duración de dúas horas e a Ruta Fluvial do Cabo do Mundo, que parte de Belesar Pobo, no Saviñao, e vai polo Miño cunha duración aproximada de dúas horas. As persoas interesadas en desfrutar dos percorridos poden adquirir os seus billetes en reservas.rutasembalses.es

No caso da ruta fluvial Canón do Sil, funcionarán dúas travesías cunha capacidade total de 159 prazas, distribuídas entre as 107 do catamarán Mencía e 53 do monocasco Canón do Sil. Pola súa banda, a ruta fluvial Cabo do Mundo contará cunha capacidade total de 63 viaxeiros, no Catamarán Pelegrín.

Na Ruta Canón do Sil en marzo haberá rutas as fins de semana do 22 e 23; e do 29 e 30, en horario de mañá de 11:30 horas e 16:00 horas.

En abril, con motivo da Semana Santa, haberá servizo ininterrompido do luns 14 ao domingo 16, operando nas dúas rutas do Mencía, en horario de 11:30 horas e 17:00 horas; e o Canón 11:00 horas a 16:30 horas. O resto do mes, os catamaráns da Deputación navegarán de mércores a domingo pola ruta Canón do Sil e no caso de Cabo do Mundo haberá viaxes as fins de semana.

En maio, a ruta estará dispoñible de mércores a domingo, con saídas ás 11:30 e 16:30 de luns a venres as fins de semana; e a ponte do 1 de maio pola festividade do Traballo, as saídas serán ás 11:30 e 17:00 para Mencía, e ás 11:00 e 16:30 para o Canón do Sil.

Durante o mes de xuño, xullo, agosto e setembro haberá rutas de luns a domingo, en horario de mañá, tarde e noitiña. A partir do 1 de outubro pasarán a funcionar de mércores a domingo e no mes de novembro as fins de semana.

No caso da Ruta Cabo do Mundo, en xuño habilítanse viaxes as fins de semana con tres frecuencias horarias. Para xullo, agosto e ata setembro o servizo funcionará durante toda a semana. No mes de outubro, as saídas estarán dispoñibles as fins de semana e os días 8, 9 e 10, cun horario de 11:30 e 16:30 horas.

En novembro, as saídas serán as fins de semana, cun horario de 11:30 e 16:00 horas. Finalmente, no mes de decembro, as saídas realizaranse do 1 ao 8, cun horario de 11:30 e 16:00 horas.