O Alcalde presenta o proxecto de reforma do Parque da Compañía, cun investimento de máis de 272.000 euros

-O Alcalde, José Tomé Roca, ven de informar deste novo proxecto, que mellorará sensiblemente este parque, e que conta cun investimento de máis de 272.000 euros (272.042,95€).

-As actuacións proxectadas abarcan unha superficie de actuación de 10.025 m² e consisten en actuacións tanto nas zonas verdes como nas vías ubicadas ó sur da explanada da Compañía, coa substitución do firme do percorrido peonil e do carril bici, a instalación de zonas de céspede con instalación de rego automático, a creación de novos paseos peonís, a mellora da iluminación da zona e a ubicación de novos elementos de mobiliario urbano como bancos, fontes e papeleiras.

-O proxecto será aprobado na Xunta de Goberno do próximo luns día 31 de marzo, e  será publicado na Plataforma de Contratos do Sector Público o día 7 de abril, tendo as empresas 26 días naturais para presentar as súas ofertas, rematando o prazo o dia 5 de maio ás 14 horas.

-A primeira mesa de contratación reunirase o mércores día 7 de maio para os sobres técnicos e administrativos, e o mércores seguinte, día 14 de maio, abriranse os sobres coas ofertas económicas e farase a proposta de adxudicación.

-Os criterios de valoración das ofertas serán memoria o 40%, o prezo o 50% e a ampliación do prazo de garantía e redución do tempo de execución, o 10%.

-Esta actuación ven a completar as melloras que nos últimos anos levou a cabo o Executivo de José Tomé nesta zona tan importante da cidade como é a Compañía: “Con esta actuación, seguimos a completar as accións de mellora que dende o Concello levamos a cabo na zona da Compañía, e que significaron a consecución dun novo Parque Infantil (177.000€), a construción dunha pista de Skate (77.000€), a mellora da Pista Polideportiva da Compañía (48.000€) e a mellora da fonte cibernética da praza da Compañía (62.000€), polo que o investimento total, inculído a nova actuación presentada hoxe, que destinamos nos últimos para mellorar a que é unha das zonas de esparcemento e lecer máis utilizadas da cidade, alcanza os 636.000 euros”, subliñou o Alcalde.

 

Monforte de Lemos, 26 de marzo de 2025. O Alcalde de Monforte, José Tomé Roca, ven de anunciar un novo proxecto para a cidade de Monforte, que consistirá na mellora integral do Parque da Compañía.

Neste senso o Alcalde salientou que “o Parque da Compañía atópase situado na zona centro do casco urbano de Monforte de Lemos, ao suroeste do mesmo, sendo dos lugares que acapara unha maior actividade da cidade, sobre todo no referente ao esparcemento e lecer da poboación, así como á presenza de turistas. Por todos estes motivos, dende o Equipo de Goberno do Concello consideramos moi necesaria a súa mellora”.

Este proxecto de mellora do Parque da Compañía ten un custe estimado de 272.042,95 euros ive engadido e abarcan unha superficie de actuación de 10.025 m².

A contratación farase por concurso aberto, e unha vez adxudicado á empresa que gañe o concurso, o prazo de execución estimado para a realización das obras definidas neste proxecto é de aproximadamente 2 meses dende a sinatura da acta de replanteo, salvo que por circunstancias meteorolóxicas haxa que suspender os prazos.

Esta actuación ven a completar as melloras que nos últimos anos levou a cabo o Executivo de José Tomé nesta zona tan importante da cidade como é a Compañía. Neste senso, o Alcalde indicou que “con esta actuación, seguimos a completar as accións de mellora que dende o Concello levamos a cabo na zona da Compañía, e que significaron a consecución dun novo Parque Infantil (177.000€), a construción dunha pista de Skate (77.000€), a mellora da Pista Polideportiva da Compañía (48.000€) e a mellora da fonte cibernética da praza da Compañía (62.000€), polo que o investimento total, incluído a nova actuación presentada hoxe, que destinamos nos últimos anos para mellorar a que é unha das zonas de esparcemento e lecer máis utilizadas da cidade, alcanza os 636.000 euros”, subliñou o Alcalde.

 

Zona de actuación

A zona de actuación sitúase no denominado Parque da Compañía de Monforte de Lemos, no entorno do Colexio de Nosa Señora da Antiga (Escolapios). En concreto, as actuacións levaranse a cabo na zona verde que se sitúa ó sur da expanada da Compañía.

A zona que se inclúe no presente proxecto forman parte dos parques e zonas verdes municipais do Concello de Monforte de Lemos, e suma un total de 10.025 m² de superficie total.

Dado o tempo elevado que leva sen actuar sobre esta parte do parque, así como o elevado uso que ten polos veciños de Monforte, o deterioro en xeral, así como as zonas verdes,  aconsellan unha actuación completa de renovación dos firmes, facer outros novos, así como das zonas verdes con mais servizos para a xente.

Actuacións a executar

Procederase á substitución do firme do percorrido peonil e do carril bici, que bordea a zona oeste do parque, aumentándoo, á vez, ata unha anchura de 2 metros en todo o seu percorrido. Substituirase o firme actual de pavimento granular por outro de formigón
fratasado de 20 cm., máis acorde cun percorrido deste tipo e que é menos perigoso para caídas dos ciclistas e máis cómodo para o tráfico peonil.

Nas zonas verdes, procederase á substitución dos arbustos existentes, incluso dalgunhas árbores de pequeno porte, que dificultan o seu mantemento e conservación en condicións adecuadas de limpeza, que na actualidade semellan mais a un matorral, por unhas zonas de céspede con instalación de rego automático fáciles de manter e conservar en condicións axeitadas. Nestas zonas achegarase terra vexetal para alcanzar unha cota e darlle unhas caídas adecuadas que faciliten o seu mantemento posterior.

Tamén se eliminarán os bordos nos cambios de pavimento, así como nos bordos das zonas verdes, que poden producir caídas e inconvenientes para os peóns.

Na zona central actual, onde existen árbores e mobiliario urbano, que na actualidade está nunha cota baixa, procederase ao seu recheo con jabre extendido e compactado.

Para levar a cabo estas actuacións, procederase ó levantado e recolocación do mobiliario urbano existente, así como os aparatos biosaudables, de ximnasia, así como bancos e mesas de pedra. Tamén se levantará, adaptará e recolocará a barandilla sur.

Ademais, dado o gran uso que ten a zona polos veciños de Monforte, crearanse novos paseos peonís pavimentados con formigón fratasado, coa colocación de novo mobiliario urbano: bancos de fundición, papeleiras de aceiro e fontes con grifos pulsadores e reixas sumideiro.

Así mesmo, procederase á mellora da iluminación da zona, que na actualidade non está  iluminada, con varias zonas claramente infrailuminadas, para o que, colocaranse novas farolas similares ás existentes na actualidade, con luminarias LED.

Por último, procederase ao pintado de marcas viarias, continuas e discontinuas, reflexiva de 12 cm., e de símbolos no percorrido peonil e no carril bici.

Prazos e criterios de valoración

As empresas interesadas poden presentar as súas ofertas dende o día 7 de abril e ata o 5 de maio de  ás 14:00 h.

As mesas de contratación terán lugar os dias 7 de maio  (sobres 1 e 2) e o 14 de maio (sobre da oferta económica).

Os criterios de valoración das ofertas serán:

  • Memoria técnica: 40%.
  • Prezo: 50%.
  • Ampliación do prazo de garantía: 10%.

-Con este proxecto, o Parque da Compañía, lucirá moito mellor, completando un entorno único como é a Compañía, moi visitada por monfortinos e visitantes, que sen dúbida mellora a imaxe desta parte da cidade.