Arrinca a tempada 2025 de teatro do Concello de Monforte, este xoves 30 con As gardiás, da compañía Ningures Produción

Monforte de Lemos, 27 de xaneiro de 2025. O teatro volverá ser protagonista da actividade cultural deseñada polo  Equipo de Goberno do Concello de Monforte no primeiro semestre do ano 2025, para o que programa 8 pezas, 6 para público adulto e 2 para público infantil e familiar.

Deste xeito, dentro da programación da Rede Galega de Teatros e Auditorios, este xoves 30 de xaneiro ás 20:15 no Edificio Multiusos terá lugar a posta en escena da obra para adultos As gardiás, da compañía Ningures Produción, obra dirixida por Cristina Domínguez e interpretada por Casilda Alfaro, Melania Cruz, Amparo Martínez, Rebeca Montero e Sonia Rúa.

O prezo da entrada xeral para esta obra será de cinco euros e tres para desempregados, xubilados e estudantes.

 

Sinopse

As Gardiás, ou o dereito a decidir como xestionar a nosa propia vellez.

O humilde piso de Rosa, nun vello edificio no corazón dun barrio popular dunha vila obreira, é o refuxio acolledor dunha tribo de catro mulleres maiores organizadas.

Rosa (que se topa nunha cadeira de rodas) e as súas compañeiras, Ana, Marga e Susana, son operarias xubiladas da industria téxtil, e están decididas a preservar a súa independencia.

Cando a filla de Rosa, Vitoria, propón trasladala a unha institución médica e vender o apartamento, comeza unha loita entre dúas visións do ben envellecer.

Enfrontadas ás decisións de Vitoria, as vellas mulleres defenden o seu dereito a vivir xuntas e en liberdade e artellan unha serie de estratexias para convencer a Vitoria  de que a súa é a postura mellor.

 

A seguinte obra do ciclo de teatro para adultos programado polo Equipo de Goberno do Concello de Monforte será Neura da compañía De Ste Xeito Produción que terá lugar o xoves 13 de febreiro no Edificio Multiusos ás 20:15 h, sendo o prezo da entrada xeral de cinco euros e de tres euros para estudantes, desempregados e xubilados.