A 1ª Tenente Alcalde do Concello de Monforte, Gloria Prada, acompaña ó Presidente da CHMS, José Antonio Quiroga á celebración do DIA MUNDIAL DA AUGA

-Gloria Prada, acudiu en representación do Alcalde de Monforte, que se atopa na VI Conferencia de Presidencias de Deputacións Provinciais, Cabildos e Consell Insulars, ó CEIP PLURILINGÜE MONFORTE DE LEMOS acompañando ó Presidente da CHMS na presentación institucional do Día Mundial da Auga.

-Esta iniciativa que se engloba no proxecto de educación ambiental “Me gusta mi río, enséñame a cuidarlo “ está deseñada pola Confederación Hidrográfica do Miño- Sil para a sensibilización ambiental da poboación, dende a infancia.

-No proxecto participan 40 alumnos de 5º de primaria que a través da realización de talleres tanto nas aulas como no río, aprenden a importancia da conservación dos ríos e do ecosistema que os sustenta.

 

Monforte de Lemos, 21 de marzo de 2025. A Tenente de Alcalde, Gloria Prada, en representación do Alcalde, José Tomé Roca, que non puido asistir por atoparse de viaxe de traballo, acompañou ó Presidente da Confederación Hidrográfica Miño-Sil, José Antonio Quiroga ó Acto Institucional do Día Mundial da Auga 2025 que organiza a Confederación.

A iniciativa, pretende concienciar aos mais pequenos sobre o bo uso e aforro de auga cara a un desenvolvemento mais sostible e sensibilizar sobre a importancia da conservación e coidados dos ríos.  Con este obxectivo, o Presidente da Confederación e a Tenente Alcalde, visitaron ós alumnos do Ceip Plurilingüe Monforte de Lemos, que estaban a realizar a segunda actividade no cole, enmarcada dentro do proxecto “Me Gusta Mi Rio”.

Despois dunha breve intervención dun dos educadores que lle explicou ós rapaces, o lema  deste ano que Nacións Unidas, dispuxo para conmemorar este día, tanto José Antonio Quiroga como Gloria Prada, fixeron unha breve intervención sobre a necesidade da educación ambiental e a importancia do aforro de auga. Gloria Prada quixo subliñar entre os alumnos que moitas veces non son precisas grandes accións, simplemente coa concienciación e a posta en práctica de pequenos xestos, xa estamos aportando melloras medioambientais.

Tal e como remarcaba a Tenente Alcalde, xestos como non manter os grifos abertos ó cepillarse os dentes ou ó lavar a vaixela, non arroxar ós desaugues materiais que se poden votar no cubo do lixo, como pañuelos de papel, bastoncillos... son xestos que dependen de cada un de nos cos que contribuímos a non contaminar e a aforrar o consumo de auga.

Pola súa banda, o Presidente da Confederación insistiu na importancia de concienciarse no coidado do medio ambiente e subliñou que os rapaces que agora están a desenrolar este proxecto,  van a ser os responsables de xestionar o noso futuro polo que resulta esencial o seu compromiso co coidado medioambiental.

Á finalización das intervencións, os alumnos retomaron as actividades dos diferentes grupos de traballo mentres un grupo de 3 alumnos, realizaron unha entrevista con preguntas sobre a xestión da auga ó Presidente da Confederación Hidrográfica Miño-Sil e á Tenente Alcalde como parte do proxecto.

A Directora do Centro, que agradeceu a visita Institucional do Concello de Monforte,  trasladoulle á Confederación o seu agradecemento pola iniciativa levada a cabo porque os alumnos se amosaron encantados co proxecto e moi participativos. Tamén Gloria Prada valorou moi positivamente a posta en marcha destes proxectos que farán que as próximas xeracións teñan unha maior concienciación co coidado medioambiental.