9 de agosto de 2018. As asociacións culturais e sociais de Monforte xa poden realizar os trámites para solicitar as axudas que o Goberno municipal destinará este ano para elas. No caso das asociacións culturais, o prazo para facelo remata o vindeiro 27 de agosto; mentres que para as axudas sociais, o prazo é ata o 29 de agosto.
Tal e como aconteceu o pasado ano, haberá unha partida de 12.000 euros para as asociacións culturais e outra do mesmo importe para as entidades sociais. No caso das subvencións destinadas ás asociacións culturais, o Goberno municipal pretende aumentar a participación cidadá e fomentar que haxa novos actos culturais.
“Dende o Concello queremos apoiar e incentivar as actividades que se desenvolvan por asociacións sen ánimo de lucro e que están inscritas no rexistro de asociacións, por iso, mantemos a partida de 12.000 euros a subvencións. Consideramos que é moi importante promover aquelas iniciativas de asociacións que impliquen a posta en marcha de novos procesos creativos, xa sexan charlas, conferencias ou actividades destinadas para os máis novos”, apuntou o rexedor, José Tomé Roca.
Estas subvencións concedéronse ás asociacións legalmente constituídas e que están desenvolvendo actividades de interese para o Concello, tanto de carácter cultural, veciñal, popular, profesional coma lúdico. Neste caso, o importe de cada axuda non superará os 1.000 euros nin tampouco o 70% do investimento subvencionable.
Asociacións sociais
Polo que respecta ás asociacións sociais, o Goberno municipal reservou outra partida de 12.000 euros para axudas. A estas subvencións optarán aquelas entidades que desenvolvan actividades e proxectos de carácter social que garanten a igualdade de oportunidades: “o obxectivo é que sirvan para axudar ós colectivos máis desfavorecidos ou que poidan estar nunha situación de risco de exclusión social”, matizou o Alcalde, José Tomé Roca. Neste caso, as bases establecían como máximo a axuda de 2.000 euros.
O mandatario local engadiu que “con esta partida imos axudar a facilitar recursos e itinerarios de inclusión social, garantir a autonomía persoal e brindar oportunidades sociais e educativas ós menores”. Por outra parte, José Tomé Roca destacou que “coas axudas ás asociacións sociais estamos axudando a previr a aparición de de dependencia, desigualdade ou desprotección a aquelas persoas máis vulnerables”.