13 de novembro de 2018. O Alcalde mantivo unha reunión onte á tarde co equipo redactor do Plan Especial do Casco Histórico e con representantes dos técnicos e empresarios do sector da construción de Monforte. O obxectivo era darlle cumprimento ó compromiso de manter encontros para informalos da análise realizada polo equipo redactor ás diferentes alegacións presentadas ó documento.
O mandatario local, José Tomé, destacou que “na reunión, que comezou ás 17 horas e rematou preto das 21 horas, realizamos un repaso dos 18 puntos que contiña a alegación presentada polos técnicos e empresarios da construción de Monforte ó Plan Especial, e que estaba referida ó conxunto do documento”.
Un dos datos que se puxo enriba da mesa neste encontro, é que se presentaron 100 alegacións ó Plan Especial. Desa cantidade, 20 corresponden a un único edificio ubicado na rúa Roberto Baamonde. Por outra parte, na reunión informouse que todas as alegacións están preinformadas.
Neste momento, o Plan dispón de todos os informes previos favorables, con algún matiz puntual que haberá que corrixir, pero ningún deles é relevante nin afecta ó fundamento do Plan.
Alto grao de acordo
O Alcalde destacou que “neste encontro acadouse un alto grao de acordo entre as propostas dos técnicos e empresarios, que se van recoller para ser integradas no Plan. O documento seguirá agora a tramitación pendente e, en todo caso, antes da súa aprobación definitiva, será explicado novamente ós técnicos e os empresarios”.
O seguinte paso que se vai dar é manter reunións con Patrimonio e con Urbanismo da Xunta de Galicia, tan pronto como se acorde unha data para ese fin. Posteriormente, vaise proceder á aprobación provisional do Plan Especial e á súa remisión á Xunta de Galicia, que dispón dun prazo de 3 meses para informar ó documento.
No momento no que as observacións que poida plantear a Administración autonómica estean corrixidas, o Plan Especial xa poderá levarse ó Pleno.
Cómpre destacar que todas as alegacións presentadas recibirán unha resposta do equipo redactor; concretamente, informarase da súa aceptación, do seu rexeitamento ou dunha aceptación parcial.